Nauta Sanxenxo adxudicou esta semana os traballos previos para solicitar ao servizo provincial de Costas a realización de novos bombeos de area ás praias de Lavapanos e A Carabuxeira, como así se acordou na última comisión de seguimento.
É unha actuación similar á que se realizou na primavera do ano pasado, pero con outro punto de extracción dentro da contorna marítima de ambos os areais.
Mentres se realiza esta tramitación, Nauta pedirá unha autorización ao organismo provincial para mover area a través de pas escavadoras, unhas achegas de area que se prevé póidanse realizar nos próximos meses en ambas as praias.
Os traballos previos que serán realizados por Aquática Ingeniería Civil por 17.787 euros e incluirán a realización dunha topo batimetría de seguimento da realimentación de árido realizada en 2021, unha cartografía bentónica da zona de actuación, a caracterización do espesor de sedimentos na zona do porto, a toma de mostras e análises de area e un informe para a tramitación da autorización da actuación ante o servizo provincial de Costas.
Estes traballos, así como a tramitación previa acordáronse na última reunión de seguimento formado por Nauta, Portos e Costas na que se abordou fase definitiva de recuperación dos areais da Carabuxeira e Lavapanos e acordouse solicitar a visita dos responsables do órgano estatal a Sanxenxo para que coñezan sobre o terreo o resultado da fase provisional e o ámbito de actuación do proxecto definitivo.
O proxecto de rexeneración da praia da Carabuxeira e Lavapanos e obras de acceso inclúe a construción dun espigón rampla perpendicular á praia (unindo as rocas existentes) de case 100 metros por 2,34 metros de ancho para evitar a perda de area.
Ademais, prevé a achega de 14.000 metros cúbicos de area procedentes da contorna da actuación que se suman aos 10.000 metros cúbicos depositados na praia da Carabuxeira na primavera de 2021 e un paseo marítimo.