Navia rexeita os despedimentos en ENCE e deixa en suspenso o acordo alcanzado en Pontevedra

Pontevedra
08 de xullo 2013

Tras meses de negociacións, Ence plantexaba 11 prexubilacións e 10 despedimentos na súa fábrica asturiana, fronte aos 11 postos de traballo que se perderían en Pontevedra. Un acordo que rexeitou por unha estreita marxe. O 50,8% dos traballadores votaron en contra. Iso coloca á empresa e aos traballadores, segundo Jesús Graña, presidente do comité de empresa en Pontevedra "nunha situación complicada"

Fábrica de ENCE en Navia (Asturias)
Fábrica de ENCE en Navia (Asturias)

Era unha decisión que moitos intuían e que terminou por confirmarse. A asemblea de traballadores da planta que Ence ten en Navia (Asturias) rexeitou o principio de acordo alcanzado entre os sindicatos e a dirección da empresa e propuxo unha folga de cinco días para presionar á pastera para que manteña todos os postos de traballo. Esta decisión deixa en suspenso o acordo alcanzando en Lourizán.

Tras meses de negociacións, Ence plantexaba 11 prexubilacións e 10 despedimentos na súa fábrica asturiana, fronte aos 11 postos de traballo que se perderían en Pontevedra. Un acordo que rexeitou por unha estreita marxe. O 50,8% dos traballadores votaron en contra. Iso coloca á empresa e aos traballadores, segundo Jesús Graña, presidente do comité de empresa en Pontevedra "nunha situación complicada".

Huelva e Pontevedra votaron a favor das novas condicións do plan de restructuración da empresa, tras lograr reducir, no caso de Lourizán, dos 39 despedimentos iniciais propostos por Ence a 11 os traballadores afectados polo ERE, mediante baixas incentivadas para maiores de 58 anos e prexubilacións. Un acordo que para os pontevedreses "parecíanos aceptable", explica Graña.

En todo caso, como a votación de Navia é vinculante "porque así o acordamos entre todos os comités", o acordo logrado en Pontevedra e Huelva non poderá aplicar, polo menos, polo momento. Os traballadores de Lourizán mantéñense á expectativa do que ocorra nos próximos días, aínda que o seu presidente non dubida en afirmar que apoiarán todas as medidas, incluída unha folga, que tomen os compañeiros de Navia.

Jesús Graña espera que a empresa dea o primeiro paso e negocie cos traballadores de Navia mellorar o acordo no que respecta á fábrica asturiana, porque insiste que con Pontevedra "non hai nada que negociar porque xa aceptamos". Cre que a dirección da compañía terá que poñer da súa parte porque "sabe que xa ten gran parte do acordo negociado, pero sen Navia non lle vale de nada".