Nazaré fíxase en Pontevedra para converterse nunha vila "accesible e inclusiva"

Pontevedra
24 de novembro 2021

Unha das principais referencias turísticas de Portugal, a localidade de Nazaré, quere converterse nunha vila "accesible e inclusiva" e para iso decidiron fixarse na transformación urbana de Pontevedra en busca de inspiración

Visita a Pontevedra da delegación de Nazaré
Visita a Pontevedra da delegación de Nazaré / Mónica Patxot

Unha das principais referencias turísticas de Portugal, a localidade de Nazaré, quere converterse nunha vila "accesible e inclusiva" e para iso decidiron fixarse na transformación urbana de Pontevedra en busca de inspiración.

Así o afirmou o presidente da cámara municipal de Nazaré, Walter Chicharro, que estivo á fronte dunha ampla delegación política e técnica, composta por unhas 25 persoas, que estiveron visitando a Boa Vila durante os últimos días.

O dirixente destacou a "revolución" protagonizada por Pontevedra coa recuperación dos seus espazos públicos e a súa aposta por unha cidade que ofrece "facilidades de acceso" para as persoas con mobilidade reducida, nenos e os colectivos máis vulnerables.

"Se unha cidade está preparada para iso, estará preparada para todo o demais", sinalou o político socialista, que acaba de iniciar o seu terceiro e último mandato á fronte da cámara municipal de Nazaré, destino turístico para surfeiros de todo o mundo.

Certo é que, segundo explicou Chicharro, mentres que Pontevedra é unha cidade plana nesta localidade portuguesa convive a zona marítima con dous outeiros, un deles con ascensor, polo que as solucións adoptadas non poderán ser as mesmas.

Pero os dirixentes de Nazaré, vila que no verán multiplica ata por dez a súa poboación, entenden que "ese é o cambio que debemos facer", impulsando un plan de mobilidade "que poida ser continuado polos que veñan despois".

Na delegación portuguesa, que foi recibida este mércores polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, viaxaba tamén a enxeñeira Paula Teles, responsable do deseño do seu plan de mobilidade que, segundo recoñeceu, se inspirou en Pontevedra.

Subliñou que, a pesar de que cando se fala de mobilidade "sempre se fala de grandes infraestruturas", na actualidade recuperar o espazo público "é o gran reto mundial" para que as cidades sexan "máis democráticas" e non fomenten "distincións" entre os seus habitantes.