Nenuco pandemia: un simpático bebé e unha caixa de cartón gañan o primeiro premio do concurso de disfraces de Meis

O Salnés
19 de febreiro 2021

O Entroido está chegando á súa fin, e o Concello de Meis publicou o xoves 18 na súa páxina de Facebook os gañadores do Concurso Virtual de Disfraces de Entroido 2021. O xurado proclamou como gañadores de cadansúa categoría valorados do 1 ao 10 un total de seis disfraces.

Concurso de disfraces do Concello de Meis
Concurso de disfraces do Concello de Meis / Concello de Meis
O Entroido está chegando á súa fin, e o Concello de Meis publicou o xoves 18 na súa páxina de Facebook os gañadores do Concurso Virtual de Disfraces de Entroido 2021. O xurado proclamou como gañadores de cadansúa categoría valorados do 1 ao 10, os seguintes disfraces:
 
Na categoría infantil e xuvenil individual, no que se agrupaba toda a rapazada ata os 17 anos, quedaron clasificados 'A tartaruga', nun segundo posto, e 'Nenuco pandemia', unha orixinal idea na que só precisaron dunha caixa e un pouco de inxenio para facerse con 29 puntos e o primeiro premio.
 
A pandemia non freou ao esforzo e á innovación, e tamén os adultos se animaron a participar, clasificándose 'Feiticeira escura' nun segundo posto, e 'A dama do repolo' no primeiro posto da categoría adulta individual a partir de 18 anos. 
 
O terceiro e derradeiro apartado respondía á categoría familiar, no que era indispensable que só se tratase de membros convivintes. A clasificación foi a seguinte: 'As irmáns capitanas pescanova de Meis', que acadaron un segundo posto cun total de 21 puntos; e 'As Meninas', cun total de 28,5 puntos, e que recrearon tanto ás Meninas como ao propio Velázquez. 
 
O Concello indicou xunto cos resultados anteriores que se porá en contacto coas persoas gañadoras. A data de entrega dos premios farase conxunta coa do Concurso de Pintado de Pezas de Latón, e a comunicarán polas súas redes sociais nos vindeiros días.