A XLI Semana Galega de Filosofía, dedicada este ano á "Filosofía e o nihilismo", pechou portas este venres 25 no Teatro Principal de Pontevedra tras cinco intensos días de debates, ponencias e encontros.
Daniel Garrido, membro da Aula Castelao de Filosofía, foi o encargado de ler as conclusións dun evento que reuniu a destacados pensadores e pensadoras para analizar un concepto que define o contexto actual como "ausencia de esencias, de verdades, de valores e de principios".
"Un clima social que nos atomiza, paraliza e dilúe e que consideramos que é fundamental debater, analizar e nalgúns casos combater", sinalou Garrido nas conclusións do evento, que cumpre máis de catro décadas "pasando a antorcha da filosofía na nosa terra".
O programa iniciouse o luns coa participación de Luis García Soto, quen propuxo un paseo reflexivo polos "Camiños dos Faros" como vías de fuga da realidade actual, mentres que pola tarde o filósofo Brais Arribas presentou unha "ontoloxía nihilista, fluída e relacional". A xornada completouse coa intervención da psiquiatra Laura Martín López-Andrade, que aplicou o nihilismo ao campo da saúde mental defendendo que "a enfermidade mental non existe como esencia".
O martes, o arqueólogo Xurxo Ayán relacionou as foxas comúns da represión fascista en Galicia co nihilismo, mentres que Sami Ashour abordou a situación en Palestina. Pola noite, o filósofo Leo Espluga reivindicou a vinculación entre filosofía e danza como formas conectadas de experiencia transcendente.
O mércores centrouse nos tecno-imperialismos da man de José María Hernández, no futuro do idioma galego coa intervención de Pilar García Negro e no auxe dos autoritarismos con Ayme Román, quen sinalou que o baleiro existencial contemporáneo favorece o refuxio en identidades fixas e estables.
Xa o xoves, o filósofo arxentino Néstor Kohan defendeu unha "filosofía de combate" fronte aos neofascismos, mentres que a poeta Marta Darriba reivindicou o papel das escritoras galegas e a socióloga Nuria Romo analizou a patoloxización do malestar social feminino.
Neste derradeiro día, Laura Llevadot falou sobre como "o capitalismo quebrou a nosa subxectividade", a historiadora trans Daniela Ferrández analizou como a cuestión trans foi empregada como "chivo expiatorio dos discursos reaccionarios a nivel global", e a escritora mozambicana Paulina Chiziane pechou o evento coa conferencia "O que hoxe é moderno mañá pode ser tradicional", coincidindo co 25 de abril, aniversario da Revolución dos Cravos en Portugal.

