"Nin un paso atrás" en Pontevedra contra os "intransixentes" cos dereitos LGBTIQ+

Pontevedra
05 de xuño 2026

Unha pancarta na casa consistorial abre unha programación que, baixo o lema "Con Franco NON viviamos mellor", estará centrada na memoria e na loita dos dereitos LGTBIQ+ na rúa

Despregamento da pancarta do Orgullo PTV+
Despregamento da pancarta do Orgullo PTV+ / Cristina Saiz

O Orgullo PTV+ xa está aquí. Coa estrea da intervención artística no balcón da casa consistorial, Pontevedra reivindícase como unha cidade "orgullosa e diversa".

A edil responsable da área de igualdade, Anabel Gulías, explicou que o goberno municipal elixiu este enclave "non por casualidade" para o inicio dos actos do Orgullo.

"É o símbolo da cidade de Pontevedra, a casa de todas as persoas que vivimos aquí", indicou Gulías, que presidiu o despregamento desta pancarta.

Acompañada por membros da corporación e por representantes de Avante LGBT+, a representante municipal apelou á importancia de defender os dereitos do colectivo LGBTIQ+ "os 365 días do ano".

Xuño será un mes "para celebrar e para visibilizar", engadiu Anabel Gulías, que quixo trasladar unha mensaxe "moi claro" ás persoas "intransixentes".

Despregamento da pancarta do Orgullo PTV+
Despregamento da pancarta do Orgullo PTV+Cristina Saiz

Advertiu que "non imos a dar nin un paso atras" na defensa da diversidade porque, segundo engadiu, "isto vai de liberdade e de dereitos humanos".

"Non estamos para ceder espazos senón para ocupalos", asegurou.

A instalación da pancarta "Orgullo PTV+ Referentes" no balcón da cada consistorial estivo amenizada pola actuación musical de SenD-coro, o coro queer de Pontevedra.

É o primeiro paso dunha programación que, baixo o lema "Con Franco NON viviamos mellor", estará centrada na memoria e na loita dos dereitos LGTBIQ+ na rúa.