Ningún gañador no VIII Certame de Relatos de Muller Matilde Bares

Bueu
21 de febreiro 2018

O Concello de Bueu anunciaba que o premio quedaba deserto por non encontrar un texto que cumprise coas bases reguladoras establecidas. Entre os requisitos para conseguir os 1.500 euros estaba escribir en galego sobre un tema relacionado coa muller

O xurado do certame reunido
O xurado do certame reunido / Concello de Bueu

Despois de seis anos de parón, Bueu recuperaba este 2018 o VIII Certame de Relatos de Muller Matilde Bares, cun premio de 1.500 euros ao gañador que enviase o mellor texto encadrado na temática da muller. Con todo, este mércores o Concello de Bueu anunciaba que o premio quedaba deserto, eliminándose da programación do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.

O xurado, composto por Lucía Arcay Muradas, Salvador Otero Castro e Fátima Álvarez González, xustificou a retirada do devandito certame, deliberando que ningún dos relatos presentados cumpría a totalidade de requisitos establecidos nas bases reguladoras emitidas con anterioridade.

Para poder participar, pedíase que o autor escribise en galego sobre a temática da muller, valorando especialmente o tratamento da igualdade de oportunidades, a corresponsabilidade nas obrigacións familiares e sociais e a prevención da violencia de xénero. O prazo de presentación mantívose aberto ata o 25 de novembro de 2017, no que se debería presentar un relato inédito cunha extensión entre 20 e 40 folios.

Entre os galardoados con anterioridade atópanse Rosa María Martínez Dios, co seu relato "Dúas cunchas",  Xurso Sierra Veloso con "As dúbidas de María" ou María del Carmen Caramés Gorgal con "Días de namorar".