Ningún político declarará este xoves no xuízo pola paga extra abonada aos funcionarios

Pontevedra
21 de xaneiro 2014

Ao xuízo, no que a Delegación do Goberno solicita a devolución do diñeiro cobrado polos empregados públicos, só asistirán Juan José Vázquez-Portomeñe, xefe da Abogacía do Estado en Pontevedra e o asesor xurídico do Concello, Xabier Munáiz, quen previsiblemente tamén ostentará a representación dos sindicatos da xunta de persoal que se persoaron na causa

Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra
Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra / PontevedraViva

A decisión do Concello de Pontevedra de compensar aos seus funcionarios a perda da paga extra de decembro de 2012, en contra do decreto aprobado no seu día polo Goberno, chega aos xulgados. A Delegación do Goberno en Galicia reclamará este xoves no Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra a devolución deste complemento, ao consideralo irregular e contrario á lei. Será nun xuízo que terá lugar ás 10.15 horas.

En concreto, na demanda presentada contra o Concello de Pontevedra, o único concello galego cuxa compensación aos seus funcionarios acabou denunciada nos xulgados, o Goberno esixe "que se condene ao Concello a recuperar as sumas indebidamente abonadas aos perceptores, adoptando calquera medida que fose necesaria para proceder ao seu reintegro á facenda municipal".

Segundo confirmou este martes o goberno municipal, nin o alcalde nin ningún dos concelleiros do executivo local terán que declarar ante a titular do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1. Ao xuízo só asistirán Juan José Vázquez-Portomeñe, xefe da Abogacía do Estado en Pontevedra e o asesor xurídico do Concello, Xabier Munáiz, quen previsiblemente tamén ostentará a representación dos sindicatos da xunta de persoal que se persoaron na causa.

ANTECEDENTES

Este conflito pola paga extra abonada en Pontevedra iniciouse coa aprobación do Decreto Lei 20/2012, polo que o Goberno central decidiu eliminar a paga extra de decembro para reducir o gasto de persoal das Administracións públicas. Tras coñecer esa medida, o goberno municipal asegurou que buscaría fórmulas para que os seus traballadores mantivesen o seu nivel adquisitivo ao considerar inxusto este recorte.

O bipartito municipal decidiu entón compensar a perda de dita paga extra mediante a realización dun total de 16 horas extra, para que así os traballadores municipais puidesen cobrar un complemento de productividade coa súa nómina de novembro. En total, o Concello pagou 760.000 euros, con fondos propios, para abonar ese complemento a 474 funcionarios, persoal laboral e empregados do IMD e o Pazo da Cultura.