Niveis de ocupación hoteleira no mes de xullo similares a antes da pandemia

Sanxenxo
31 de xullo 2021

O sector hoteleiro de Sanxenxo, segundo o CETS, acadou neste xullo unha porcentaxe de ocupación equivalente ao marcado no mesmo mes de 2019 con case un 75%, 25 puntos superior ao dato do verán de 2020, coas mellores porcentaxes de aloxamento en apartementos e cámpings

Vista aérea de Silgar
Vista aérea de Silgar

O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) fixo pública a porcentaxe de ocupación durante este mes de xullo na vila turística. Esta porcentaxe sitúase nun 74,8%, similar ao que se obtivo en xullo do ano 2019, antes da irrupción da pandemia.

A cifra atópase 25 puntos por encima dos datos rexistrados durante o verán de 2020. Atendendo á tipoloxía de aloxamento, os visitantes prefiren os apartamentos (86%) e cámpings (77%) para pasar días no municipio, seguido por hoteis (71%).

Para o presidente do CETS, Alfonso Martínez, o dato ten especial relevancia debido á inestabilidade meteorolóxica que acompañou ao mes e as restricións sanitarias que se manteñen no Concello durante a quinta onda da pandemia.

Para Martínez hai que considerar "un éxito do sector hostaleiro esta cifra de ocupación" e destacou a profesionalidade, capacidade de traballo e calidade da oferta para manter a Sanxenxo como líder en turismo vacacional na franxa norte peninsular.

PREOCUPACIÓN NOS LOCAIS DE HOSTALERÍA

Pola contra, os datos para a hostalería son preocupantes, segundo o CETS. As últimas restricións sanitarias derivadas dos incrementos de contaxios, provocaron que as expectativas de salvar o ano coa facturación do verán quedaran en nada. 

Alfonso Martínez demanda das administracións medidas de apoio para o sector de locais de hostalería para soster a este tecido empresarial. Pide diálogo entre a Xunta,  Deputación e municipio para atender ás necesidades do sector.

Tamén reclama a promoción da marca Sanxenxo en marcos nacionais e internacionais, asociándoa a valores de excelencia e seguridade sanitaria, e centrándose en mercados tan importantes como o estatal ou o portugués.