No día mundial do alzheimer reclaman que se garantan os dereitos das persoas enfermas

Pontevedra
21 de setembro 2017

Este xoves é o día munidal do alzheimer. Esta enfermidade, que é irreversible e progresiva, destrúe a memoria, as aptitudes do pensamento, a forma de pensar e o xeito de comportarse

Presentación do libro "Nun recuncho da memoria" elaborado pola Asociación de Familiares de persoas Enfermas de Alzheimer
Presentación do libro "Nun recuncho da memoria" elaborado pola Asociación de Familiares de persoas Enfermas de Alzheimer / Mónica Patxot

Este xoves é o día munidal do alzheimer. Esta enfermidade, que é irreversible e progresiva, destrúe a memoria, as aptitudes do pensamento, a forma de pensar e o xeito de comportarse.

En Galicia, o alzheimer supón arredor do 70% dos casos de demencia e existe unha maior incidencia que no conxunto do Estado debido ao envellecemento da poboación.

As mulleres son máis propensas a padecer esta enfermidade, cuxos custos medios por paciente sitúanse entre os 27.000 e os 37.000 euros anuais.

As familias que coidan ás persoas doentes (o 80% dos casos) teñen que asumir o 87% destes gastos totais. O 12% das persoas coidadoras deixan os seus traballos para dedicarse ao 100% á súa atención e o 30% teñen que modificar a súa organización laboral, diminuíndo as horas de traballo.

Todos estes datos foron dados a coñecer na presentación do libro de relatos curtos "Nun recuncho da memoria" elaborado pola Asociación de Familiares de persoas Enfermas de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, AFAGA.

O acto de presentación tivo lugar no vestíbulo do Pazo Provincial coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polos deputados Digna Rivas e Xosé Leal, o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, un dos autores dos relatos do libro, Urbano Barrios, e o deportista Daniel Fernández, que está a organizar diferentes probas deportivas para recadar fondos para distintas asociacións.

No seu discurso Carmela Silva reivindicou ás administracións competentes, a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado, que poñan en marcha as medidas e recursos para que a enfermidade se declare como "unha prioridade de saúde pública ", que se recoñeza automaticamente o 33% de discapacidade á persoa diagnosticada de alzheimer ou outra demencia neurodexenerativa ou a posta en marcha dunha política de Estado de alzheimer, "establecendo en Galicia unha estratexia transversal de atención ás demencias que involucre a todos os ámbitos da administración pública".

Ademais, reclaman o recoñecemento público da figura do coidador familiar, dotándoo de recursos oportunos durante a etapa de coidado e unha vez o coidado finalizou.

Carmela Silva tamén denunciou que "nos últimos anos se reduciu o apoio económico ás persoas coidadoras para atender ás familiares e, de feito, o Goberno chegou a suprimir as cotizacións á Seguridade Social de 15.000 coidadores de dependentes en Galicia". A presidenta sinalou que "a maioría dos coidadores e coidadoras son mulleres que están a perder as cotizacións á Seguridade Social, que pagaba por elas o Goberno e que lles servía para completar períodos cotizados e acceder a unha pensión de xubilación".

E sobre a Lei de Dependencia declarou que "queremos reclamar que a Xunta poña a disposición destas persoas recursos precisos que permitan que todas as persoas poidan acceder a eles de maneira inmediata, xa que teñen dereito a eles e non hai causa máis xusta".