Noalla estreará a senda peonil cara a praia da Lanzada antes do próximo verán

Sanxenxo
04 de novembro 2021

Ata os 772.000 euros irá o investimento necesario para a execución dunha senda peonil de 1,2 quilómetros que unirá o núcleo de Noalla coa praia da Lanzada, pola estrada provincial EP-9212. A Deputación de Pontevedra adxudicará este venres os traballos. A senda sairá desde a igrexa de santo Estevo e chegará ata o acceso á praia

Presentación da senda Noalla-A Lanzada no Pazo de Quintáns
Presentación da senda Noalla-A Lanzada no Pazo de Quintáns / Deputación de Pontevedra

Ata os 772.000 euros irá o investimento necesario para a execución dunha senda peonil de 1,2 quilómetros que unirá o núcleo de Noalla coa praia da Lanzada, pola estrada provincial EP-9212. A Deputación de Pontevedra adxudicará este venres os traballos.

A senda sairá desde a igrexa de santo Estevo e chegará ata o acceso á praia

En concreto, executarase unha senda peonil de tres metros de ancho na marxe dereita da estrada e paralela ao seu actual trazado en plataforma única, salvo en tres zonas onde vai ser necesario facer plataformas de convivencia, con prioridade para os peóns.

Tamén se prevé a execución do reforzo do firme na plataforma para o paso de vehículos, así como a habilitación de catro pasos de peóns sobreelevados e a renovación da sinalización horizontal e  vertical.

Na zona do Pazo de Quintáns haberá unha serie de actuacións que permitirán integrar elementos orixinais da edificación coa senda e a plataforma de convivencia proxectadas.

Así, acometerase a restauración do lousado orixinal de granito, xunto coa recuperación da cuneta perimetral do muro de peche e a resolución do encontro entre os pavimentos de pedra e formigón coa interposición dun bordo de pedra similar ás lousas existentes.

A actuación será financiada integramente pola Deputación, xa que a achega municipal do 30% por parte do Concello de Sanxenxo será con cargo ao Plan Concellos.