Nodosa deseña o primeiro buque bateeiro de recollida e procesado de mexillón a bordo

Marín
02 de setembro 2018

O estaleiro marinense Nodosa agarda ter listo no segundo semestre de 2019 un prototipo de buque bateeiro de recollida e procesado de mexillón a bordo

Barco Ecomytylus
Barco Ecomytylus

O estaleiro marinense Nodosa agarda ter listo no segundo semestre de 2019 un prototipo de buque bateeiro de recollida e procesado de mexillón a bordo.

A historia deste proxecto de I+D comezou oito anos atrás. A empresa grovense Barlovento tiña unha concesión nun polígono de bateas proxectado no Golfo de Cádiz onde non existía infraestrutura en terra na que poder apoiarse para completar o ciclo produtivo. Ante esta necesidade expúxolle ao estaleiro Nodosa deseñar un barco mexilloeiro novo, con capacidade para poder realizar a bordo tarefas que habitualmente se realizan en terra.

Ainda que o polígono de bateas en augas gaditanas non foi adiante, Nodosa continuou co obxectivo principal sumando a contribución da empresa coruñesa Gefico, encargada do tratamento das augas de cocción do mexillón a bordo, que non se poden tirar ao mar, e da empresa de Vilanova de Arousa, Alfogar, responsable da fabricación da maquinaria de procesado e do cocedoiro.

A día de hoxe o barco, de 24 metros de eslora e 7,5 de manga, xa ten o casco rematado.

O estaleiro marinense tamén ten en marcha a fabricación de catro arrastreiros para a armadora holandesa Osprey, outro para Pesca Baqueiro e dous máis para a xermana Kutterfisch.