Noite en vela para ser as primeiras no concerto de Pol Granch

Pontevedra
09 de agosto 2021

Ao mediodía deste luns a fila superaba a vintena de fans que agardaban as dez horas para o inicio do concerto do artista madrileño Pol Granch. Na cabeza da ringleira, catro adolescentes que forxaron a súa amizade hai dous anos en Pontevedra vivindo una experiencia similar mentres facían garda para asistir ao concerto de Lola Índigo

Fila de fans facendo garda antes do concerto de Pol Granch
Fila de fans facendo garda antes do concerto de Pol Granch / Mónica Patxot

Ao mediodía deste luns 9 de agosto a fila superaba a vintena de fans, sobre todo mulleres, que esperaban sentadas as dez horas que restaban para o inicio do concerto do artista madrileño Pol Granch ás 22:00.

Conforme avanza o día, a ringleira vai aumentando o seu tamaño. O que non cambia é a estampa das catro adolescentes, de entre 15 e 16 anos, que ocupan o primeiro lugar xunto ao enreixado onde se sitúa a entrada ao espazo de cadeiras para poder ver ao seu ídolo de preto.

Este grupo leva toda a noite facendo garda. Previamente agardaron a que rematase o concerto domingueiro dos Brincos e os operarios recollesen a zona. Mentres, cóntannos, foron cear ao Burger King e gozaron cos fogos artificiais.

"Somos catro amigas dos concertos", coméntannos. E é que se dá a casualidade de que a súa amizade xurdiu en Pontevedra hai dous anos. "Coñecémonos no concerto de Beret e pasamos a noite xuntas para estar as primeiras no concerto do día seguinte de Lola Índigo", apuntan.

As súas procedencias, Vigo, Pontevedra, Lugo e Santiago, estas dúas últimas si amigas de antes.

A pontevedresa é a única que pasou a noite na súa casa e a que acolle as pertenzas das súas amigas. "Apenas durmimos", afirman, para estar ben cedo dispostas a facer a cola que as levará a poder ocupar as primeiras cadeiras no concerto.

Apúntannos que estas horas as pasaron sen ningún sobresalto porque ademais hai un garda de seguridade vixiando toda a noite a zona do escenario e os asentos.

Estas catro amigas xa planean volver a reunirse en próximos festivais, segundo como evolucione a pandemia. Para a pontevedresa, este será o seu primeiro gran concerto en dous anos, xa que en 2020 preferiu non acudir a ningunha cita musical onde puidese concentrarse moita xente.

Finalmente preguntámoslles por que Pol Granch e contestan que lles gusta a súa música, que xa o levan seguindo desde que hai 3 anos se proclamou vencedor de Factor X España. Sobre o seu salto á interpretación na nova tempada da famosa serie Élite de Netflix non opinan, porque a elas realmente o que lles gusta é a súa música. Xa queda menos para poder gozalo e compensar a noite case en vela e o día ao sol, cunhas temperaturas que alcanzarán os 27 graos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora