Noites Abertas celebra o seu vintecinco aniversario con 138 sesións de actividades

Pontevedra
23 de xaneiro 2024

Este venres 26 de xaneiro arranca Noites Abertas 2024, un programa organizado polo Concello de Pontevedra e destinado á mocidade de 12 a 30 anos, que propón plans e actividades alternativas para as tardes e noites dos venres e sábados

Presentación de Noites Abertas 2024 co concelleiro de Xuventude, monitores e monitoras das diferentes actividades e integrantes da organización
Presentación de Noites Abertas 2024 co concelleiro de Xuventude, monitores e monitoras das diferentes actividades e integrantes da organización

Este venres 26 de xaneiro arranca Noites Abertas 2024, un programa organizado polo Concello de Pontevedra e destinado á mocidade de 12 a 30 anos, que propón plans e actividades alternativas para as tardes e noites dos venres e sábados.

Improvisación teatral, patinaxe, bádminton, defensa persoal, ioga, tenis de mesa, debuxo, pandeireta, baile tradicional ou fútbol sala, son algunhas das propostas para esta primeira xornada entre a Casa Azul e o Colexio Froebel. 

Esta edición vai ser moi especial, xa que se cumpren 25 anos dende a a súa creación.

"Alá por 1999, na primeira edición, houbo unha actividade que foi sorprendente nese intre: Introdución á Internet, cando ninguén tiña internet na casa", manifestaba o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, ao rememorar a traxectoria deste programa.

O deseño do cartel deste ano foi escollido pola "comisión de festas de Noites Abertas", indicou o edil, e é obra da artista marinense e graduada pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra Belén Diz Juncal

Gómez repasou algunhas das cifras de Noites Abertas, como as "100.000 persoas usuarias ás que se pretende chegar nesta edición -hai 92.000 contabilizadas ata agora-, as 51 entidades colaboradoras este 2024, 87 proxectos, 14 espazos diferentes, 148 monitores e monitoras e as 138 sesións de actividades deste ano".

As actividades non teñen inscrición previa e son totalmente gratuítas. Pódese obter máis información na web: https://noitesabertas.gal/

Entre o amplo programa, Demetrio Gómez destacou 'Espazo aberto', un punto de encontro onde calquera rapaz ou rapaza pode acudir sen maior pretensión que coñecer xente, socializar e pasar un anaco acompañado doutras persoas que non buscan unha actividade guiada, senón pasar un tempo en compañía.

Durante toda esta semana, un equipo formado por un lobo e unha loba percorrerá todos os centros de ensino secundario de Pontevedra e as facultades repartindo folletos e dando a coñecer o programa para que se anime a participar o maior número de xente moza.