"Non á desfeita nos Praceres": Pontevedra rexeita as expropiacións para suprimir os pasos a nivel

Pontevedra
08 de setembro 2022

O Concello, ao igual que numerosos particulares afectados por esta actuación, non asinou a acta de expropiación forzosa para amosar o seu rexeitamento a este proxecto. "Imos seguir a loitar para defender á veciñanza porque existen alternativas que ADIF pode levar adiante, se quere", aseguran desde o goberno municipal

Alberto Oubiña no levantamento de actas polos pasos a nivel dos Praceres
Alberto Oubiña no levantamento de actas polos pasos a nivel dos Praceres / Concello de Pontevedra

O proxecto presentado polo Ministerio de Transportes para a supresión dos pasos a nivel na Praza dos Praceres é, segundo insisten desde o goberno municipal, unha "desfeita total" para a parroquia de Lourizán e supón "soterrar ás persoas" en lugar das vías do tren.

De aí que o Concello, a través do edil coordinador do rural, Alberto Oubiña, se negara este xoves a asinar as actas de levantamento das catro parcelas municipais que deberán seren expropiadas para materializar este proxecto.

A iniciativa, segundo denunciou o representante municipal, destruirá o parque infantil da praza, afecta á parcela municipal do campo de fútbol e a outras dúas de menor entidade. Pero tamén fai inviable a creación do coñecido como Parque da Dignidade.

Oubiña, que vestiu unha camiseta co lema "Non á desfeita nos Praceres", acudiu ao acto de levantamento das actas de expropiación que se celebrou no Pazo da Cultura, pero asegurou que o fixo "pola obriga legal" que implica un proceso destas características.

O Concello, ao igual que numerosos particulares afectados por esta actuación, non asinou a acta de expropiación forzosa para amosar o seu rexeitamento a este proxecto.

"Imos seguir a loitar para defender á veciñanza porque existen alternativas que ADIF pode levar adiante, se quere", sentenciou o edil do BNG, que avanzou que o Concello remitiu un novo escrito ao Ministerio para que reconsidere a súa postura.

O escrito recolle que, en opinión do Concello e tras os informes dos técnicos municipais, esta "non é unha solución axeitada" ao interese xeral nin ás necesidades dos veciños, chegando a vulnerarse o seu dereito á tutela xudicial efectiva.

Esta solución, que vén derivada dunha sentenza xudicial que ilegalizou estes pasos a nivel e ordenou a súa retirada, "prexudicaría máis á contorna que o propio proxecto anulado".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora