O PSOE apelou este venres á "eterna lista de investimentos e de promesas incumpridas" da Xunta de Galicia do PP na cidade de Pontevedra e, en alusión á orixe pontevedresa do cabeza de cartel do PP, Alfonso Rueda, quixo recordar a toda a cidadanía que "non estamos decidindo se temos un presidente de Pontevedra ou non temos un presidente de Pontevedra. Estamos decidindo se temos un presidente que traballe por Pontevedra ou un presidente que non traballe por Pontevedra".
Son palabras do voceiro municipal socialista, Iván Puentes, con motivo da presentación da candidatura do PSOE por Pontevedra para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro. Lembrou que "a bagaxe de Alfonso Rueda en todos estes anos na presidencia e na vicepresidencia da Xunta de Galicia para esta cidade sabemos cal foi".
A candidatura socialista reuniuse na praza da Leña acompañada por cargos do partido como o seu secretario provincial, David Regades; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o líder pontevedrés, Iván Puentes; ou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antón Losada.
Tomou a palabra a representante pontevedresa situada nos primeiros postos da lista, a tamén concelleira e deputada na actualidade Paloma Castro, número 3 da candidatura liderada por Elena Espinosa e con Carlos López Font como número dous.
Castro amosouse convencida de que cun goberno de España socialista e un goberno da Xunta socialista "será a maneira de que en Pontevedra por fin se poidan cumprir todas as débedas pendentes que ten o goberno do Partido Popular con esta cidade" e que o proxecto socialista é "o que necesitan todos os pontevedreses e pontevedresas.
Destacou que presentan unha candidatura "forte, cun gran perfil político e que estamos decididos a darlle unha volta a isto" e que Elena Espinosa, ex ministra durante o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, "foi un referente" e "deixou pegada no noso territorio" e vaino volver facer no futuro goberno de Galicia.
A cabeza de lista por Pontevedra adquiriu un compromiso con todos os pontevedreses e pontevedresas de "non esquecer a ninguén" nin "a ningún concello" e "borrar para sempre a política que está facendo nestes momentos Rueda na Xunta de Galicia", unha política que "non cumpre con nada nin con ninguén".
Elena Espinosa aspira a que un goberno socialista liderado por José Ramón Gómez Besteiro suporá "ter aire limpo" na Xunta de Galicia.
David Regades amosouse convencido de que "faltan 29 días para que Besteiro sexa presidente da Xunta de Galicia" e que iso vai ser "importantísimo" para a cidade de Pontevedra, pois os gobernos do Estado e da Xunta traballarían "a reo para cambiar esta cidade", con investimentos valorados en 30 millóns de euros.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou que a candidatura socialista ten representación de toda Pontevedra, "toda a provincia presente nunha lista que se fixo para gañar" e que é preciso un cambio polo "esgotamento" da Xunta de Galicia e do PP.
Así, compareceu ante os medios de comunicación e compartiu unha anécdota persoal que viviu xusto antes de saír de Vigo para Pontevedra. Unha muller díxolle "alcalde, este Rueda está completamente caducado".
Caballero criticou que estamos no século XXI e a Xunta "está aplicando políticas en Galicia da metade do século pasado" e apostou por aplicar en toda Galicia o "modelo de Vigo, un modelo de unidade política excepcional" no que conta co 70% dos concelleiros do Pleno por terceira vez consecutiva.
"É o modelo político que eu quero que se aplique en Pontevedra, que están aplicando en Vilagarcía. É o modelo político que se ten que aplicar en Galicia. Porque este modelo do Partido Popular sectario, parcial e que non está pensado nos términos do interese xeral non vai a ningún sitio", sinalou.