Non haberá 'tiro ao pombiño' na Toxa

O Salnés
15 de febreiro 2018

A Xunta de Galicia vén de confirmar que, tras a entrada en vigor da nova lei de benestar animal, non concederá autorización para a celebración do tradicional campionato de 'tiro ao pombiño', que anualmente se organizaba na illa da Toxa

Puente da Illa da Toxa
Puente da Illa da Toxa

A Xunta de Galicia vén de confirmar que, tras a entrada en vigor da nova lei de benestar animal, non concederá autorización para a celebración do tradicional campionato de 'tiro ao pombiño', que anualmente se organizaba na illa da Toxa.

A resposta do executivo autonómico prodúcese logo da advertencia explícita da Asociación Animalista Libera e da Fundación Franz Weber acerca dunha solicitude de realización en xullo dun novo "campionato de matanza de aves" no Grove.

A petición dos organizadores, segundo estes colectivos, rexistrouse en xaneiro. A través dunha misiva asinada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, o goberno galego sinala que a lei actual non exceptúa de prohibición o 'tiro ao pombiño' e como consecuencia esta actividade non sería autorizable.

Cada edición deste torneo, recordan os colectivos animalistas, supoñía "entre 15.000 e 20.000 aves tiroteadas", algo que cualifican como unha "auténtica salvaxada" que se equipara máis coa "caza enlatada".

Libera denuncia que nestes eventos os animais apenas teñen posibilidades de sobrevivir e a súa morte é aínda máis cruel, "agonizando polos perdigonazos, afogados na contorna da Toxa ou desangrados no medio do humedal"