"Non hai persoal policial suficiente para poder actuar nas zonas de botellón", alerta a Confederación Española de Policía

Pontevedra
15 de novembro 2022

O sindicato da Policía Nacional Confederación Española de Policía en Galicia (CEP) saíu ao paso das declaracións da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, nas que aseguraba tras presidir a Xunta Provincial de Seguridade que "a realidade é que as zonas de botellón rexistran menor incidencia de delitos que outras zonas de concentración de lecer nocturno"

Botellón na rúa
Botellón na rúa / Mónica Patxot

O sindicato da Policía Nacional Confederación Española de Policía en Galicia (CEP) saíu ao paso das declaracións da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, nas que aseguraba tras presidir a Xunta Provincial de Seguridade que "a realidade é que as zonas de botellón rexistran menor incidencia de delitos que outras zonas de concentración de lecer nocturno", palabras que respondían á análise desta problemática dos botellóns que se rexistran en Vigo e Pontevedra.

Para a CEP a subdelegada obvia a "crúa realidade" na que viven os cidadáns e os axentes.

"O botellón non é un problema porque xera unha menor incidencia de delitos que noutras zonas da cidade como di a Subdelegada de Pontevedra e a xente que os sofre que se poña tapóns porque a triste realidade é que non hai persoal policial suficiente para poder actuar nas zonas de botellón e comprobar in situ o consumo de estupefacientes ou outras actividades delituosas sen asegurar a integridade dos axentes ante miles de mozos", sinala a CEP.

Ademais, a Confederación Española de Policía defende que "os insuficientes recursos policiais, tanto materiais e humanos, que hai nas comisarías de Galicia están para poder loitar contra uns delitos que non cesan de subir, e iso a pesar de aumentar a eficacia policial".

Asegura o sindicato a través dun comunicado que Galicia non viu aumentar o número de postos de catálogo de axentes policiais, como tampouco se crearon unidades novas necesarias como as de Prevención e Reacción en Lugo, Pontevedra ou Ferrol, unidades de guías caninos, brigadas móbiles ou subsolo que dean servizo ao sur da comunidade galega, así como novas unidades de policía xudicial ante o desbordamento que padecen as actuais.