Non respondas á mensaxe cando fagan esta pregunta: "me puedes hablar por whatsapp?"

Poio
03 de xuño 2023

A Policía Local de Poio alerta da estafa que se desenvolve a través da coñecida rede social. Este mesmo venres unha persoa advertía os axentes deste tipo de mensaxes no teléfono móbil procedentes dun número descoñecido. Fanse pasar por un familiar e relatan un problema económico que precisa dunha axuda urxente coa petición de transferencias a unha conta bancaria

Xefatura da Policía Local de Poio
Xefatura da Policía Local de Poio

A Policía Local de Poio advirte á cidadanía dunha nova estafa que era trasladada durante este venres á Xefatura por parte de residentes no municipio.

A través da rede social Whatsapp, as posibles vítimas reciben unha mensaxe que comeza cun "Hola mamá/papá". A continuación, os estafadores afirman que se están poñendo en contacto a través dun novo número de teléfono porque "acaban de robarme todo" e piden que respondan: "me puedes hablar por whatsapp?".

Unha vez que a persoa responde comeza o procedemento da estafa, segundo a Policía Local de Poio, ao aproveitarse da preocupación do familiar que, en ocasións, non comproba se esta alerta é real.

A estafa consiste en pedirlle á vítima unha gran cantidade de diñeiro para resolver o problema económico urxente e os estafadores piden unha ou varias transferencias a unha conta bancaria de maneira inmediata.

A conta bancaria tampouco é a habitual do fillo ou filla. Trátase dunha nova e os delincuentes utilizan outra escusa para xustificalo.

A Policía Local de Poio advirte á cidadanía de que nunca se envíe diñeiro sen contacto real coa persoa á que están a suplantar. 

En caso de recibir este tipo de mensaxes e sufrir o engano, as persoas afectadas deben proceder a presentar denuncia na Xefatura.