"Non sexas traste" dá a coñecer as alternativas gratuítas para a xestión dos residuos

Cerdedo Cotobade
10 de xuño 2026

Cerdedo Cotobade completou a instalación da sinalización desta campaña, destinada a concienciar sobre o uso correcto dos servizos de recollida de residuos e a reducir os vertidos incontrolados

A campaña "Non sexas traste" promove hábitos responsables
A campaña "Non sexas traste" promove hábitos responsables / Concello de Cerdedo Cotobade

A campaña de sensibilización ambiental "Non sexas traste" xa é visible en distintos puntos de Cerdedo Cotobade tras completarse a instalación de toda a sinalización prevista para fomentar unha correcta xestión dos residuos e reducir os abandonos de lixo en espazos públicos.

A iniciativa inclúe a colocación de adhesivos informativos en contedores e edificios municipais, así como postes divulgativos que lembran á veciñanza os recursos gratuítos dos que dispón para desfacerse dos residuos de maneira adecuada.

Entre eles atópanse o punto limpo, o punto limpo móbil e o servizo de recollida de enseres a domicilio.

A nova sinalización foi distribuída tanto en zonas de tránsito habitual como en lugares onde se detectaron vertidos recorrentes, co obxectivo de ofrecer información práctica e visible sobre as alternativas existentes para evitar estas condutas.

A actuación complétase cun dossier informativo no que se recollen os diferentes servizos municipais de xestión de residuos, os materiais que poden depositarse en cada un deles e os procedementos para facer uso destas prestacións.

A campaña busca combinar información e sensibilización para promover hábitos máis responsables.

Ademais de explicar as consecuencias ambientais e económicas dos vertidos incontrolados, tamén pretende dar a coñecer os recursos que o Concello pon á disposición da cidadanía para facilitar a reciclaxe e a correcta separación dos residuos.

Na actualidade, Cerdedo Cotobade conta cunha ampla rede de servizos gratuítos formada polos puntos limpos fixos, o punto limpo móbil, os minipuntos limpos de proximidade e a recollida porta a porta de residuos voluminosos.

No marco desta campaña, tamén se lembra a existencia dun sistema específico para a recollida selectiva de cápsulas de café, desenvolvido a través dun convenio de colaboración coa asociación ARECAFÉ.

As cápsulas usadas poden depositarse nos minipuntos limpos de proximidade, no punto limpo móbil e no punto limpo de Cerdedo.

O obxectivo é facilitar a recuperación e reciclaxe dos materiais que compoñen este tipo de residuo, cada vez máis habitual nos fogares.

Desde o Concello insístese na importancia de empregar estes puntos de recollida específicos para evitar que as cápsulas rematen no lixo convencional e favorecer así unha xestión máis sostible dos residuos.