"Non solicitou a autorización para montar as ludotecas", resposta de Educación ás criticas do Concello

Pontevedra
04 de xuño 2020

César Pérez Ares, xefe territorial de Educación en Pontevedra, afirma que a Xunta tramitará de maneira urxente este tema en canto reciba as solicitudes para que se poidan celebrar as ludotecas nos centros e facilitar así a conciliación familiar e laboral

Xuntanza entre Rogelio Carballo, presidente da Fanpa, e César Pérez Ares, xefe territorial de Educación (arquivo) Xunta de Galicia

As críticas realizadas polo concelleiro de Educación de Pontevedra, Tino Fernández, á Xunta de Galicia alegando que se estaba bloqueando a realización de ludotecas da Fanpa en Pontevedra foron respondidas inmediatamente pola Xefatura Territorial de Educación a través de César Pérez Ares, responsable da área.

Nun comunicado sinala que non se recibiron solicitudes por parte do Concello de Pontevedra para poñer en marcha estas actividades neste verán. Indica que outros gobernos locais, como Caldas ou Vigo, xa solicitaron a autorización para utilizar os centros educativos durante os próximos meses como ludotecas.

Pérez Ares lamenta que desde o Concello de Pontevedra non recibiran aínda estas solicitudes, "un trámite que é pertinente e obrigatorio para estes casos nunha situación de emerxencia sanitaria como a actual", apunta.

O representante da Xunta afirma que desde a administración autonómica teñen sempre como obxectivo axudar ás familias para realizar a conciliación familiar e laboral. Por iso asegura que no momento en que se reciban esas solicitudes se dará a atención urxente para que as ludotecas comecen o 1 de xullo, como é a intención da Fanpa. 

Sinala tamén que desde a Federación de Nais e Pais deben contar cun protocolo de actuación para atender casos da Covid19 e tamén cunha declaración de responsabilidade persoal de cada familia que asista ás ludotecas.

Confirmou que, en todo caso, ante calquera solicitude de actividade nun centro por parte de entidades ou persoas alleas á comunidade, a dirección deberá sometelo ao consello escolar para que elabore un informe que será analizado pola inspección e tramitado pola delegación provincial de Educación.