Notable aumento de casos positivos na maioría dos principais concellos das Rías Baixas

24 de xaneiro 2021

En dous días, Sanxenxo duplicou a súa incidencia pasando a 102 casos positivos e a aparición dun caso na escola infantil do Revel obriga a pechar unha aula de escolares de menos de 2 anos. En Poio, o incremento é de 34 persoas situándose en 340; en Marín sobe en 11 casos establecéndose en 84 e en Pontevedra hai 380 infectados, 28 máis nas últimas horas

Xente paseando con máscara
Xente paseando con máscara / Mónica Patxot

Continúa o incremento de casos positivos nos principais municipios das Rías Baixas. O Sergas trasladaba aos concellos os seguintes datos:

Pontevedra conta con 380 casos activos, 28 máis nas últimas 24 horas. 

Poio presenta 340 casos no municipio, 34 máis que na xornada do sábado 23.

Marín presenta 84 casos activos, 11 máis respecto á xornada de onte.

En Bueu, a xerencia da área sanitaria comunicou que existen 40 casos activos e, por tanto, non houbo variación respecto ao sábado.

Sanxenxo ofrece un incremento de 19 casos para situarse en 102. Neste municipio duplicouse a incidencia en apenas dous días. Pasou de 51 a 95 casos en 14 días, E a incidencia acumulada pasou de 292 a 545.

Na vila turística, ademais, o goberno local comunicou que se pecha unha aula de menores de dous anos na escola infantil do Revel tras dar positivo unha alumna. Tanto as dúas educadoras como o resto de escolares da clase deberán gardar corentena e serán sometidos a probas PCR nos vindeiros días.

En Vilagarcía o número de casos activos é 146, catro máis. Mentres que en Vilanova de Arousa son 42 casos, con tres novos positivos. Mentres que en Cambados hai 41 persoas infectadas.

En Barro permanecen os 18 casos activos que xa se detectaron durante o sábado.

En Caldas de Reis rexístranse 61 casos diagnosticados de infección activa nos últimos 14 días, os mesmos que no día de onte, o que continúa situando a incidencia en máis de 600 contaxios por cada 100.000 habitantes, tamén moi por riba dos 250 que marcan as autoridades sanitarias.

Todos os alcaldes lembran que a situación sanitaria está descontrolada a nivel xeral e que é preciso evitar as saídas de casa agás en casos realmente necesarios para reducir o número de contaxios. Lembran que moitas persoas infectadas carecen de síntomas e poden estar contaxiando a outras persoas en calquera ámbito.