A presidenta da Deputación, Carmela Silva, confirmou este luns que a institución acaba de recibir unha nova achega do IDAE de 387.900 euros para que Portas, Vilaboa, Cangas, Redondela, Tomiño e A Cañiza substitúan o sistema que empregan na actualidade por caldeiras de biomasa en infraestruturas municipais.
O IDAE é o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, unha entidade pública empresarial, adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica.
En concreto Portas (preto de 95.000 euros) realizará actuacións no albergue, no campo de fútbol e no pavillón municipal e Vilaboa (cerca 32.000 euros) na casa do concello. Todas as instalación disporán de sistema de telexestión e adaptaranse as salas de máquinas existentes.
Con esta subvención, "Europa volve a revalidar os proxectos da Deputación, que aposta pola sostibilidade dos edificios públicos no mundo local", dixo Carmela Silva.
Este tipo de caldeiras é un sistema de calefacción eficiente que ofrece múltiples beneficios ao ser unha fonte de enerxía inesgotable que produce niveis moi baixos de contaminación ambiental e axuda a diminuír a dependencia dos combustibles fósiles. O seu emprego tamén colabora na limpeza dos montes ao empregarse material orgánico para poder facer este tipo de calefacción, o que reduce o risco de incendios.
No que vai de ano o IDAE leva xa concedidos á Deputación 6,2 millóns de euros destinados a proxectos en 29 concellos e a unha entidade local menor.