Tras unha Semana Santa marcada polas choivas, parece que os pontevedreses aínda non poderán pechar os seus paraugas. Estímase que as precipitacións na cidade continúen ata o mércores, con ceos poucos despexados e unha alerta amarela por vento en distintas zonas de Galicia. A Xunta, así mesmo, anunciou a activación dunha nova alerta laranxa por temporal costeiro a partir do martes 3 de abril nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Repítense, desta maneira, as previsións que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) anunciaba hai catro días, esta vez con ondas de ata 7 metros e vento de suroeste de forza 7 e 8. Ademais, prevese que o nivel laranxa se estenda ata a costa de Lugo a partir da madrugada do mércores 4.
Como é costume, a Xunta de Galicia incide na importancia de seguir as medidas de protección ante este tipo de inclemencias meteorolóxicas. Recoméndase evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos, ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras.
En canto á alerta por ventos, é conveniente evitar actividades ao aire libre ou os desprazamentos, así como empregar vehículos lixeiros, como bicicletas ou ciclomotores. En todo caso, antes de conducir un automóbil, é recomendable consultar o estado das estradas.
Mediante a páxina web do CIAE 112, pódense consultar informacións meteorolóxicas actualizadas para seguir a evolución do temporal.