A Policía Local de Sanxenxo contará este verán con 34 auxiliares para reforzar a seguridade na vila.
O Concello de Sanxenxo convocará unha bolsa de emprego para contratar a estes 34 auxiliares por un período máximo de catro meses.
As bases publicaranse nos próximos días cos requisitos dos aspirantes e a descrición das tres probas incluídas no proceso de selección: un cuestionario de 50 preguntas tipo test, unha proba de coñecemento de galego e outra de aptitudes físicas.
O Concello solicitou á Axencia Galega de Seguridade realizar as probas selectivas no municipio e dispor dunha bolsa coa que reforzar o persoal formado por 23 axentes durante o período estival.
As persoas aspirantes aprobadas e incluídas na lista de reserva deste proceso selectivo deberán superar un curso de formación teórico-práctico de 24 horas na Agasp como requisito indispensable para ser contratadas como auxiliares de Policía Local.
PUNTO DE ACTUALIZACIÓN DE DOCUMENTACIÓN
A sede da Policía Local de Sanxenxo ten operativo desde este mércores un posto de actualización de documentación da Policía Nacional desde onde se pode verificar o DNI, cambiar o contrasinal, renovar certificados, anular a firma dixital e descargar o DNI no móbil.
A posta en marcha deste servizo é froito da adhesión do Concello, a través da área de Seguridade Cidadá e Emerxencias dirixida por Xoán Pérez, ao proxecto Vidoc (Vehículos Integrais de Documentación) co obxectivo de facilitar os trámites e as xestións aos veciños e veciñas.
Os próximos días 28 de abril e o 15 de maio desprazarase até Baltar a oficina móbil da Policía Nacional para obter ou renovar o DNI e o pasaporte.
As persoas interesadas poden reservar cita previa chamando ao teléfono da Policía Local de Sanxenxo, en horario de 9 a 14 horas.