Nova convocatoria de axudas para proxectos que xeren valor engadido no sector pesqueiro

Pontevedra
15 de novembro 2019

Desde 2016 a entidade canalizou axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo do Mar e da Pesca por importe de máis de 2,8 millóns de euros, reservando para o último período ata 2021 arredor de 1,5 millóns

Reunión do GALP
Reunión do GALP / GALP

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra ten aberta ata o 1 de marzo de 2020 unha nova convocatoria de axudas a proxectos que contribúan á dinamización económica dos municipios do seu ámbito territorial (Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño), partindo dos recursos pesqueiros e da propia riqueza da ría e a súa contorna.

O financiamento que se canaliza a través da entidade provén da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.

A parte máis importante dos fondos está orientada ao financiamento de proxectos relacionados coa xeración de valor engadido ao produto pesqueiro, de xeito que os profesionais e as empresas do sector teñen unha moi boa oportunidade para sacar adiante iniciativas que impulsen a súa actividade económica.

Así mesmo, o sector pesqueiro tamén poderá promover unha mellor formación dos profesionais, así como a adaptación ás novas condicións do mercado dos produtos extraídos do mar.