Nova cuberta para a escola de Cangrallo

Barro
13 de febreiro 2021

Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, acompañado polo presidente da Xunta de Montes da parroquia José Ramón Lagares visitaban este venres a zona para comprobar o remate da primeira fase destas obras de mellora do edificio

Primeira fase rematada das obras na escola de Cangrallo
Primeira fase rematada das obras na escola de Cangrallo / Concello de Barro

24.564 euros foi o investimento realizado na primeira fase da mellora da escola de Cangrallo a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O goberno local de Barro levou a cabo o cambio da cuberta deste centro de actividades sociais. Ademais, ampliaba un dos dous locais que se atopa dentro do edificio e o pintado de todo o inmoble a través da empresa Antonio Pombo Quintáns.

Este venres, Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, acompañado polo presidente da Comunidade de Montes José Ramón Lagares visitaban a zona para comprobar o resultado dos traballos de mellora.

Ao longo deste 2021 está previsto que se realice a rehabilitación integral deste edificio público. A segunda fase centrarase no cambio da instalación eléctrica e da fontanería; o piso orixinal dunha das aulas que se atopa en mal estado será substituído e instalarase un novo baño adaptado para que o local social poida ser utilizado con normalidade unha vez finalice a pandemia.

Non será o único caso. O goberno local anuncia tamén unha intervención na escola de Agudelo, que actualmente é o único local social desta parroquia. 

Tamén está prevista a realización de melloras na escola de Curro, que é a única do municipio que continúa funcionando como escola unitaria.