Nova data para o corte de auga: a subministración interromperase a noite do luns ao martes

Pontevedra
19 de novembro 2014

Esta interrupción no servizo está obrigada pola posta en marcha da ampliación da  Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) situada na parroquia de Lérez e do novo depósito, que se teñen que conectar á rede xeral. Haberá que cortar a subministración entre as 23.00 horas do vindeiro luns e as 08.00 horas do martes

Billa de auga
Billa de auga / PontevedraViva

Tras unha primeira suspensión por motivos técnicos, xa hai nova data para o corte previsto na subministración de auga potable a Pontevedra, Marín, Poio, Bueu e Sanxenxo. Será na noite do luns 24 ao martes 25 de novembro. A petición foi cursada pola empresa Acuaes, que está a realizar o proxecto de novo abastecemento de auga a Pontevedra e a súa ría. Así o avanzou este mércores o Concello de Pontevedra.

Esta interrupción no servizo está obrigada pola posta en marcha da ampliación da  Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) situada na parroquia de Lérez e do novo depósito, que se teñen que conectar á rede xeral. Haberá que cortar a subministración entre as 23.00 horas do vindeiro luns e as 08.00 horas do martes.

A continuación, a empresa concesionaria terá que reanudar o servizo dando presión e ir purgando as tubaxes progresivamente, polo que o servizo podería estar totalmente restablecido ao mediodía.

O Concello de Pontevedra e a empresa concesionaria tratarán de restablecer o servizo o máis axiña posible, aínda que recoñecen que se trata dunha operación complexa.

A afección no Concello de Pontevedra será no leste da cidade. O punto de corte será a vía do tren polo que se verán afectados os barrios de Monte Porreiro e A Parda, toda a zona leste con Loureiro Crespo ata a estación, a avenida da Estación, a avenida de Vigo dende Fernández Ladreda, e tamén toda a zona de San Brais, en Salcedo.

A pesar de que o groso da cidade non se ve afectado por este corte, desde o goberno municipal fai un chamamento aos veciños que si disporán de servizo para que fagan un consumo mesurado durante as horas do corte e tamén durante a reposición do servizo.

AFECCIÿN NOS OUTROS CONCELLOS

Este corte afecta tamén a outros municipios aos que Pontevedra lles subministra a auga. Trátase dos concellos de Marín, Bueu, Poio e Sanxenxo. En todos eles, as respectivas brigadas municipais despregaron un dispositivo para tratar de minimizar os problemas. En principio, ningún deles quedará completamente sen auga, xa que calculan que poderán abastecer os seus veciños grazas aos seus propios mananciais e depósitos.