Ernesto Filgueira, portavoz do BNG de Cerdedo-Cotobade, reitera as súas denuncias polas carencias que presenta a atención sanitaria en Cerdedo. Segundo sinala, desde este luns 4 ata o mércores 6, o centro de saúde carecerá de médico debido a que o Sergas non cobre a ausencia do facultativo titular da única praza médica do centro sanitario.
Lembra que esta situación de deterioración e de supresión de servizos básicos foi denunciada pola veciñanza de Cerdedo, sen que por parte da Xunta e do Concello se adoptaran medidas para corrixir o problema. As persoas afectadas reclaman a presenza dun facultativo todos os días e con dedicación exclusiva, un servizo de pediatría e a mellora na atención de urxencias. Sinalan que estas ausencias de profesionais médicos repítense con frecuencia nos últimos tempos.
O BNG, segundo indica Filgueira, presentou diversas mocións no pleno para denunciar este problema e tamén se presentaron iniciativas no Parlamento de Galicia sen que o goberno atuonómico comprometésese a cambiar esta "lamentable situación sanitaria que estamos a sofrer en Cerdedo-Cotobade".
Desta maneira, indican que Luís Bará, deputado do BNG, presentará novas iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamar unha atención sanitaria digna e de calidade no centro de saúde.