Nova edición dos obradoiros de de estimulación cognitiva e prevención do Alzheimer

Pontevedra
03 de maio 2024

O Concello de Pontevedra e Afapo impulsan esta iniciativa, dirixida a maiores de 55 anos e que terá unha duración de cinco meses

José Manuel Fontenla e Anabel Gulías Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra e a Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias (Afapo) poñen en marcha unha nova edición dos obradoiros de prevención da deterioración cognitiva e Alzheimer, no marco da aposta compartida a favor do envellecemento activo.

A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, puxo en valor a colaboración de Afapo e outras asociacións á hora de traballar a prol da promoción da calidade de vida dos nosos maiores e o mantemento do tecido comunitario. Tamén destacou a importancia do proxecto de Afapo que vai "un pasiño máis aló" dos obradoiros de memoria que tamén se están a desenvolver nun amplo abano de parroquias.

"Non é só unha actividade lúdica, da man dos seus profesionais e experiencia permite a detección precoz de enfermidades neuro-dexenerativas como o Alzheimer", engadiu a concelleira. 

O presidente de Afapo, José Manuel Fontenla, sinalou que "igual que hacemos ejercicios fisicos para prever enfermedades físicas, necesitamos hacer ejercicios neuranales para evitar o hacer que el impacto de los males neurodegenerativos sea menor", subliñou.

Os obradoiros están dirixidos a persoas maiores de 55 anos que carezan de diagnóstico de enfermidade neurodexenerativa e comezaron esta semana. Terán unha duración de cinco meses, dividida en dúas etapas: unha primeira, en maio e xuño e a segunda, en setembro, outubro e novembro.

Artéllanse en sesións semanais dunha hora e media de duración e desenvólvense nas parroquias de Campañó, San Andrés de Xeve, Santa María de Xeve, Mourente, Lourizán, Alba, Verducido e Salcedo, ademais de nos barrios do Burgo e San Roque.

Os obradoiros de estimulación cognitiva de Afapo están coordinados por unha traballadora social e unha psicóloga que fan unha valoración dos participantes e establecer o nivel das actividades en cada grupo, así como o seguimento do desenvolvemento da actividade por se fóra necesario asesorar ou orientar posibles casos de deterioración ou sospeita de Alzheimer ou enfermidad neuro-dexenerativa.

En cada unha das sesións haberá dinámicas de grupo que axudarán a fomentar a cohesión entre as persoas, a sociabilidade, a diversión e o traballo en equipo e exercicios colectivos (orais) e individuais que traballarán distintas áreas: memoria, linguaxe, escritura, cálculo, atención, gnosias, funcións executivas etc.