Nova gala solidaria 'Música por alimentos' en Curro a favor da Fundación Amigos de Galicia

Barro
09 de maio 2023

A Comunidade de Montes de Curro xunto con Salnés Espectáculos organizan este evento que se celebrará o domingo 14 de maio cunha festa infantil a partir das 16.30 horas e, a continuación, terá lugar a gala no campo da festa coas actuacións das orquestras Marbella, Los Coleguitas, Origen e La Mecánica. Para asistir é necesario entregar un quilo ou un litro de alimentos non perecedoiros

Organizadores da Gala Solidaria de Curro
Organizadores da Gala Solidaria de Curro / Fundación Amigos de Galicia - Arquivo

Este domingo 14 de maio celébrase a novena edición Gala Solidaria 'Música por Alimentos', organizada pola Comunidade de Montes de Curro con Salnés Espectáculos, para obter alimentos que se destinarán á Fundación Amigos de Galicia.

As actividades comezarán ás 16.30 horas no Campo da Festa cunha celebración para público infantil con inchables gratis. Unha hora máis tarde iniciarase a gala coa actuación das orquestras Marbella, Los Coleguitas, Origen e La Mecánica.

Esta iniciativa desenvolverse para obter o maior número de alimentos non perecedoiros como cereais, galletas, cacao ou produtos alimenticios infantís, entre outros. Estes alimentos destinaranse a familias en situación de especial vulnerabilidade que son atendidas pola Fundación nos municipios de Barro, Caldas de Reis, Pontevedra, cambados, A Illa de Arousa, O Grove, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Valga.

Nos dous últimos anos, segundo a organización, recadáronse máis de 7.270 quilos de alimentos. As persoas que queiran asistir deberán entregar un quilo ou un litro deste tipo de produtos de primeira necesidade para acceder ao recinto.