Nova gran operativa de graneis no Porto de Marín

Pontevedra
01 de maio 2020

O Porto de Marín vive esta fin de semana unha nova e intensa operativa de descarga de graneis agroalimentarios, unha das mercadorías básicas durante estas semanas por mor da crise sanitaria ocasionada polo coronavirus

Un buque entra no Porto de Marín
Un buque entra no Porto de Marín / Autoridad Portuaria de Marín y Ría de Pontevedra

O Porto de Marín vive esta fin de semana unha nova e intensa operativa de descarga de graneis agroalimentarios, unha das mercadorías básicas durante estas semanas por mor da crise sanitaria ocasionada polo coronavirus.

Os cereais e pensos que chegan ao porto abastecen as granxas avícolas e gandeiras de Galicia que, á súa vez, son fundamentais na subministración de carne, ovos e demais derivados aos mercados de consumo. O Porto de Marín dispón ademais dunha importante conexión ferroviaria, o que facilita o tránsito destas mercadorías coa saída diaria de polo menos un tren de cereais.

Esta fin de semana está a operar o buque Charmey que descarga 33.000 toneladas de millo procedente de Ucraína ao que tomará a substitución o Fadelsia, para descargar 28.000 toneladas de fabas e fariña de soia. O dos graneis agroalimentarios é un dos principais tráficos no Porto de Marín, para o que conta con operadores e maquinaria especializada, ademais dunha gran capacidade de almacenamento. É un os tráficos que contan con certificación europea de calidade no porto.

Ademais, para estes días está prevista a carga de ata tres buques de pasta de papel, outra das mercadorías que están a resultar de primeira necesidade durante esta pandemia para a elaboración de subministracións hixiénicas, máscaras, etc. A eles súmase a chegada mañá dun portacontedores con 10.000 toneladas de mercadoría diversa e a carga de compoñentes eólicos.

O Porto de Marín, como servizo esencial, segue traballando desde o inicio da epidemia con todos os seus servizos básicos operativos e a pleno rendemento para garantir a continuidade da cadea loxística e a subministración dos mercados.