Nova horta urbana na Caeira

Poio
06 de marzo 2023

A actuación forma parte da proposta que se desenvolve dentro da campaña Poio en Verde, coa intención de promover a dotación e creación de áreas de lecer ao aire libre, respectuosas coa contorna e que fomenten hábitos saudables, segundo indica o Concello de Poio

Visita dos concelleiros Xosé Luís Martínez, Raquel Rodríguez e Marga Caldas á horta urbana da Caeira
Visita dos concelleiros Xosé Luís Martínez, Raquel Rodríguez e Marga Caldas á horta urbana da Caeira / Concello de Poio

Xa se atopa operativa a nova horta urbana situada no lugar da Caeira, na parroquia de San Salvador de Poio. Este luns, Xosé Luís Martínez, concelleiro de Medio Ambiente, visitaba este espazo coas concelleiras Marga Caldas e Raquel Rodríguez.

Coa creación desta horta quérese dar resposta a unha demanda que trasladara a veciñanza para contar cun espazo destas características, indica Martínez Blanco. 

Atópase nas proximidades da nova rúa aberta entre Río Sil e Umia. O goberno local decidiu poñer a punto esta parcela na que desde hai un tempo un grupo de residentes da Caeira realiza pequenos cultivos. Con esta actuación finaliza a remodelación integral da contorna da rúa, transformada durante os últimos anos e que conta tamén cunha nova zona verde, anexa á horta urbana.

Os traballos consistiron en mellorar os accesos, instalar un peche perimetral e acondicionar o terreo. A proposta busca un uso rotatorio dos terreos para que todas as persoas interesadas cultiven neste terreo.

O proxecto forma parte da filosofía do goberno municipal neste mandato dentro da campaña Poio en Verde co obxectivo de fomentar o coidado e o respecto pola contorna. As concellerías de Medio Ambiente, Deportes, Educación e Seguridade Cidadá traballan neste proxecto.