Nova imaxe para a rúa Cruz Gallástegui

Pontevedra
17 de setembro 2016

A rúa Cruz Gallástegui empeza a lucir a súa nova imaxe, con plataforma única e preferencia peonil, despois dos traballos de pavimentación que porán fin a varias semanas de obras

Obras de asfaltado na rúa Cruz Gallástegui
Obras de asfaltado na rúa Cruz Gallástegui / PontevedraViva

Cruz Gallástegui comeza a lucir a súa nova imaxe, que dará preferencia peonil á rúa. A intervención, que comezou a primeiros de mes, foi sinxela: elevar a calzada e os espazos de estacionamento á nivel das beirarrúas, é dicir, construír unha plataforma única semellante a Michelena, o primeiro tramo de Benito Corbal ou todo o centro histórico. Estase a facer unha pavimentación de cor entre Blanco Porto e Sagasta. A obra ten un custo de 60.000 euros.

Até o de agora fixéronse traballos de eliminación dos rebaixes das entradas aos garaxes e outra pequena obra civil para poder asfaltar. 

Esta actuación xurde do interese do Goberno de estender o modelo urbano, e da petición de residentes e comerciantes da rúa, que no ano 2013 trasladaron ao Concello a súa aposta porque a peonalización do primeiro tramo de Benito Corbal se estendera ás rúas Castelao e Cruz Gallástegui, e incorporarse, deste xeito, aos circuítos comerciais centrais da cidade.

O réxime circulatorio da rúa será similar ao que existen noutras zonas parecidas: Michelena ou centro histórico, por exemplo. Acceso a todos os garaxes da rúa e paradas de servizos para todos os condutores que precisen achegarse á rúa Cruz Gallástegui.

Posteriormente a esta actuación estenderase tamén o tratamento á rúa Castelao, e finalmente farase unha reordenación do tráfico de toda a zona, onde tamén está previsto a ampliación de beirarúas en Benito Corbal até a nova praza do Hospital.