Nova marcha de 'Touradas fóra de Pontevedra' demandando a desaparición da feira taurina local

Pontevedra
10 de agosto 2024

O manifesto antitouradas deste ano foi lido por Violeta Mosquera, integrante do grupo Bala e pregoeira das Festas da Peregrina en 2021

Manifestación de 'Touradas fóra de Pontevedra'
Manifestación de 'Touradas fóra de Pontevedra' / PontevedraViva

"Nin arte nin cultura", o lema volveu corearse na tarde deste sábado 10 de agosto nas rúas de Pontevedra na manifestación convocada polo colectivo "Touradas fóra de Pontevedra", que partiu ás 20:00 horas desde a Praza da Peregrina para facer un percorrido polo centro da cidade.

A mobilización contou co apoio de outros colectivos animalistas como Irmandade Antiespecista, Loita Raposa e Activistas Galegas Antiespecistas (AGA), que se manifestaron ao mesmo tempo que se celebraba unha corrida no couso de San Roque.

Un dos puntos destacados desta mobilización foi a recente vitoria acadada polo colectivo, que conseguiu que o Concello de Pontevedra retirara os paneis taurinos que decoraban as rotondas e rúas da cidade durante décadas, un paso máis na loita contra a apoloxía do maltrato e asasinato animal, segundo indican.

Os manifestantes esixiron unha Pontevedra libre de touradas e instaron á Xunta de Galicia a modificar a Lei de Protección Animal, que consideran fraudulenta por permitir as touradas como unha excepción.

O manifesto antitouradas deste ano foi lido por Violeta Mosquera, integrante do grupo Bala e pregoeira das Festas da Peregrina en 2021.

Os organizadores do acto de protesta comprometéronse a continuar a súa vixilancia, queren evitar que se destinen fondos públicos a manter a actividade taurina.