Nova restrición do tráfico rodado na avenida de Bos Aires

Pontevedra
16 de xullo 2025

Por mor da celebración da Copa de España de Natación en Augas Abertas, o sábado 26 de xullo esta avenida permanecerá pechada dende as 12:00 horas ata as 23:59 horas.

Segunda edición da Travesía a Nado Río Lérez
Segunda edición da Travesía a Nado Río Lérez / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra vén de publicar un aviso de mobilidade consistente na restrición do tráfico rodado na avenida de Bos Aires.

Por mor da celebración da Copa de España de Natación en Augas Abertas, o sábado 26 de xullo, esta avenida permanecerá pechada dende as 12:00 horas ata as 23:59 horas.

Trátase do treito da avenida de Bos Aires comprendido entre a rúa do Pozo e a Ponte das Palabras, en Monte Porreiro.

Segundo detalla o Concello, o acceso para as persoas residentes en Bos Aires e tamén para os participantes nesta proba deportiva será por esta mesma avenida, dende a Ponte dos Tirantes con saída cara Monte Porreiro ou pola rúa do Maré.

O acceso á Rúa do Maré estará permitido exclusivamente para residentes desta rúa.

O sentido da circulación quedará fixado cara Monte Porreiro e rúa do Maré dende a rúa do Pozo.

A Copa de España de Natación en Augas Abertas, tamén denominada Travesía a nado do Lérez, será o sábado 26 na ría de Pontevedra, xunto á desembocadura do río, entre a praia fluvial de Monte Porreiro e a Illa das Esculturas.

As distancias serán segundo as categorías. Será puntuable só para os Federados no Circuito Galego e na Copa de España. Tamén haberá percorrido na categoría Inclusiva.

Está organizada por Club Natación Galaico e o Concello de Pontevedra coa colaboración de Federación Galega de Natación e Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa.