Nova sauna con madeira de abeto para a piscina municipal de Sanxenxo

Sanxenxo
18 de agosto 2021

A nova instalación terá capacidade para 8 persoas, nunha cabina de madeira de abeto con fachada frontal acristalada e dous niveis de bancos con luces led. Prevese que empece a funcionar en setembro, sempre en función das restricións sanitarias

Ximnasio e Piscina municipal de Sanxenxo
Ximnasio e Piscina municipal de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A piscina municipal de Sanxenxo contará a partir do mes de setembro cunha nova sauna máis ampla e moderna que substituirá á anterior, instalada hai 17 anos.

A nova instalación terá capacidade para 8 persoas e a cabina será de madeira de abeto. A fachada frontal será acristalada e contará con dous niveis de bancos con luces led. O investimento nesta instalación será de 12.353 euros.

Unha vez que estea xa instalada, a posta en marcha da nova sauna dependerá das restricións sanitarias que marquen as autoridades pola Covid.

A mellora deste servizo súmase ás actuacións xa realizadas nas piscinas municipais ao longo deste ano e que se puideron xa estrear coa súa reapertura o pasado mes de maio.

Entre as melloras atópase a renovación da maquinaria do ximnasio que permitiu habilitar dúas zonas novas, unha funcional e outra de abdominais e estiramentos. Nos vestiarios, colocáronse novos armarios e instaláronse biombos nas duchas.

Na piscina renovouse o sistema de impulsión de aire e colocáronse dúas novas duchas na piscina pequena.

En todos os espazos realizouse un pintado xeral, un rexuntado de plaquetas e un cambio no sistema da iluminación a luces tipo led, así como a limpeza de todos os condutos de ventilación e renovación de imaxe nas diferentes zonas.