A nova zona de lecer na rúa Ponte Nova poderá empezar a executarse no verán

Pontevedra
11 de maio 2025
Actualizado: 16:04

O proxecto suporá a demolición dun lavadoiro. O Concello acaba de recibir unha subvención de máis de 38.000 euros para poñer en marcha a actuación, que poderá comezar durante o verán

Recreación da nova zona de lecer proxectada na rúa Ponte Nova
Recreación da nova zona de lecer proxectada na rúa Ponte Nova

A contorna do río Gafos estreará a partir do verán unha nova zona de lecer á altura do número 5 da rúa Ponte Nova

O Concello de Pontevedra acaba de poñer en marcha o proxecto xa anunciado para a demolición dun lavadoiro e a creación dunha nova zona de estancia na beira esquerda do río 

A actuación ten un custo de 48.352,72 euros, e o Concello acaba de recibir unha subvención autonómica de 38.687,78 euros para poder executala. 

Confirmada a subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Xaquín Moreda, concelleiro de Servizos urbanos básicos, xa deu orde de que se contrate o proxecto, que poderá comezar ao longo do verán.

O proxecto suporá a recuperación dun espazo de preto de 170 metros cadrados que na actualidade ocupa unha edificación ruinosa de 94 metros cadrados, que hai décadas era usada como lavadoiro.

Desde o Concello destacan que a edificación existente non conta con ningún valor patrimonial ou arquitectónico. Xaquín Moreda explicaba na presentación desta nova zona de estancia que o lavadoiro se atopa "nun estado bastante ruinoso, provocando unha mala imaxe na zona"

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora