Tras concluír a retirada de especies invasoras e da vexetación en mal estado, o Concello de Caldas de Reis dá un novo paso decisivo na recuperación da carballeira e do xardín botánico.
Foi cunha fase especialmente visible e atractiva deste proxecto como é a plantación de novas árbores, arbustos e plantas que devolverán ao espazo verde o seu aspecto máis auténtico.
Segundo explicou o tenente de alcalde, Manuel Fariña, comeza así o traballo de xardinería e paisaxismo, que avanzará practicamente ao mesmo tempo que as actuacións de albanelería e mellora das instalacións.
O obxectivo é recuperar o carácter primixenio da zona verde, respectando a súa imaxe histórica e potenciando o seu valor ambiental e patrimonial.
Esta segunda fase está a ser coordinada polo director do proxecto, Pedro Calaza, decano do Colexio de Enxeñaría Agrónoma de Galicia, xunto con representantes da empresa Xestión Ambiental de Contratas.
Nestes momentos, os esforzos céntranse na selección e verificación dos novos exemplares vexetais, adquiridos en viveiros de diferentes puntos do mundo, tanto de dentro do Estado como doutros países europeos, como Bélxica.
A renovación do arborado realizarase por zonas, seguindo as directrices marcadas no plan director. Farase especial fincapé nas aliñacións e na renovación das masas arbóreas para mellorar o conxunto, sempre con respecto á composición histórica do parque.
Tal e como sinala Fariña, a intención é incrementar a biodiversidade real do espazo, aumentando tanto o número de especies como a súa representación porcentual, e recuperando árbores que formaron parte do xardín ao longo da súa historia pero que hoxe xa non existen.
Un dos exemplos máis destacados é o Parque dos Choróns, onde se reforzará a presenza de especies do xénero Sálix e se incorporarán outras ligadas á memoria do lugar, como as Grevillea spp., ademais de recuperar exemplares xa desaparecidos, como o Populus simonnii.
Mesmo se estuda a introdución dunha especie orixinaria de Colombia, recomendada por persoas expertas dese país, co fin de estreitar lazos simbólicos con Caldas.
En paralelo ao axardinamento, tamén se acometerá unha profunda mellora das instalacións. Xa se retiraron todos os bancos antigos e os novos están listos para seren instalados nos próximos días.
Continuará a eliminación de papeleiras, cartelería e outros elementos de mobiliario en desuso, así como a retirada de farois deteriorados, cableado nas copas das árbores, tomas eléctricas, xogos infantís, a caseta de madeira e o escenario.
Ademais, demolerase a soleira de formigón e levantaranse os pavimentos en mal estado.
Nunha fase posterior, levaranse a cabo traballos de albanelería centrados na limpeza xeral dos muros de pedra e dos peches de perpiaño xunto ao río, na restauración das gradas e no arranxo dos bordos.
Tamén se nivelarán os pozos de saneamento, instalaranse novas bocas de rego e puntos de luz, e recuperarase a rede de camiños, incluída a pavimentación do trazado da Ruta dos Muíños cun deseño inspirado en pedras de muíño de granito de diferentes tamaños.
Manuel Fariña subliña que as obras avanzan "en tempo e forma" e que a restauración integral podería estar rematada a comezos da primavera de 2026.
O proxecto, denominado 'Xardín botánico e carballeira de Caldas de Reis. Museo Aberto 24/7', conta cun investimento de 1,5 millóns de euros procedentes dos fondos europeos Next Generation, canalizados a través do Ministerio de Industria.