Novas biografías e podcasts na web da Memoria das Mulleres

Pontevedra
14 de xuño 2022

Foron actualizados dous roteiros dentro da web, o Roteiro Mulleres en San Amaro e o Roteiro sobre as mulleres represaliadas, achegando novos mapas que inclúen a versión en audio dos textos, para facilitar tanto o seu seguimento in situ como para o seu uso por persoas con problemas visuais. Ao longo dos vindeiros días, o Concello anuncia que serán actualizados outros dous roteiros. Ademais, os audios de todos os paseos están dispoñibles en plataformas como iVoox e Soundcloud

Sección de biografías na páxina web da 'Memoria das Mulleres'
Sección de biografías na páxina web da 'Memoria das Mulleres' / Concello de Pontevedra

A concellería de Memoria Histórica anuncia que o programa 'A Memoria das Mulleres', posto en marcha a finais de 2013, amplía contidos a través da súa páxina web 'Do gris ao violeta' coa idea de profundar no legado deixado por mulleres pontevedresas aumentando o contido documental, gráfico e audiovisual.

Ao longo deste 2022 actualizáronse dous roteiros dentro da web, correspondentes á de Mulleres en San Amaro e o Roteiro sobre as Mulleres represaliadas. Nas dúas inclúense novos mapas coa versión en audio dos textos. Desta forma quérese facilitar o acceso a persoas con dificultades de visión e tamén para realizar seguimento in situ. O Concello anuncia que, en próximos días, actualizaranse outros dous roteiros. Ademais, os audios de todos os paseos atópanse dispoñibles en podcast a través de plataformas como  iVoox e  Soundcloud.

A área de Memoria Histórica tamén continúa coa publicación na rede social  Tiktok de traballos da creadoras María Rúa, Helena López e Sara Seco con vídeos sobre Regina do Batán; Aurora Argibay e, a finais de xuño, sobre Rosa Malvar. Trátase de oito vídeos que se difundirán a través desta plataforma coa intención de chegar ao público máis novo.

Tamén se atopa en marcha o novo espazo denominado Autobiografías coa posibilidade de elaborar biografías tanto propias como dalgunhas mulleres que sexan próximas ás que a xente queira entrevistar. A web propón modelos de entrevistas tanto para o público xeral como para o alumnado dos centros de ensino. Na sección de Autoentrevistas de mulleres novas xa hai sete publicadas como novas biografías.

Durante o segundo semestre deste 2022 ampliaranse as seccións e vai elaborarse un folleto impreso cun mapa de accións en espazos públicos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora