Así son as novas vivendas de Valdecorvos que estarán finalizadas en marzo

Pontevedra
18 de outubro 2025
Actualizado: 21 de abril 2026

A conselleira María Martínez Allegue visitou as obras e anuncia a mobilización de solo en desuso e a regulación de aloxamentos compartidos para duplicar o parque público de vivenda con uso de espazos como o antigo Hospital Marescot

Visita da conselleira María Martínez Allegue ás novas vivendas de Valdecorvos (7)
Visita da conselleira María Martínez Allegue ás novas vivendas de Valdecorvos (7) / PontevedraViva

María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, presentou este sábado en Valdecorvos as liñas estratéxicas dos Orzamentos 2026 do seu departamento, cunha inxección sen precedentes de 211 millóns de euros para a provincia de Pontevedra.

Desta cifra, 149 millóns destínanse especificamente a vivenda, convertendo a Pontevedra na provincia galega con maior investimento nesta materia, e 28 millóns irán directamente á cidade do Lérez.

Allegue, acompañada por un amplo grupo de altos cargos da Consellería, visitou este sábado un dos edificios do barrio pontevedrés de Valdecorvos, onde avanzan as obras de 74 novas vivendas.

A conselleira subliñou que, ano e medio despois do inicio da lexislatura, "temos agora mesmo 3.000 novas vivendas de promoción pública en distintas fases de execución, máis solo para poder construír, o sector ten máis facilidades para edificar, e os cidadáns teñen máis oportunidades para acceder a un fogar".

PARQUE DE VIVENDA MÁIS AMPLO

Un dos eixes centrais da intervención de Allegue foi o anuncio de novas medidas para incrementar a oferta de vivenda, cunha especial atención á vivenda protexida e a modelos de convivencia alternativos.

Visita de María Martínez Allegue ás obras de vivendas en Valdecorvos
Visita de María Martínez Allegue ás obras de vivendas en ValdecorvosPontevedraViva

A Xunta porá en marcha un programa para adquirir baixos en desuso e transformalos en vivendas públicas, cunha partida plurianual de 5 millóns de euros, dos que 2 millóns se consignan para 2026.

"Lanzaremos unha oferta pública de adquisición de baixos que reúnan condicións técnicas e xurídicas adecuadas, e acometeremos as obras necesarias para convertelos en vivendas", explicou a conselleira, buscando "dar vida a eses usos que están baleiros agora mesmo e incrementar a oferta de vivendas no mercado".

Ademais, a Consellería regulará o desenvolvemento dos aloxamentos compartidos, un modelo de residencia en auxe en Europa que combina espazos privados con instalacións e servizos de uso común.

Allegue definiuno como "novas formas de convivencia, cada vez máis demandada, na que se busca un equilibrio entre a autonomía individual e a vida compartida, ofrecendo unha alternativa estable, accesible e socialmente sostible ao modelo tradicional de vivenda".

Outra novidade significativa é a posibilidade de construír vivenda protexida ou aloxamentos compartidos en solos dotacionais ou con usos terciarios que actualmente están sen uso, tanto de titularidade pública como privada, sen necesidade de modificar o planeamento urbanístico.

Para as entidades privadas, bastará un acordo plenario do Concello por maioría absoluta. "Gañamos en axilidade na construción de vivendas protexidas ou aloxamentos compartidos. Recuperamos espazos urbanos que actualmente están en desuso, o que ademais, constitúe unha estratexia de rexeneración urbana e de mobilización de patrimonio público ou privado ocioso", afirmou a conselleira, poñendo como exemplo espazos como onde estaba previsto construír un crematorio ou o Hospital Marescot.

28 MILLÓNS NA CAPITAL

Na cidade de Pontevedra, dos 28 millóns de euros destinados, 14 millóns irán para nova vivenda de promoción pública. A Xunta continuará coa execución de 236 novos fogares en Valdecorvos, 53 vivendas en Tafisa e 11 nas Devesas.

No ano 2026, está prevista a entrega das primeiras 74 vivendas de Valdecorvos ás familias adxudicatarias. Tamén van licitarse as obras de todos os proxectos en marcha, incluída a conversión de catro locais en Valdecorvos en vivendas, sumando un total de 300 novos fogares.

A conselleira María Martínez Allegue observa o interior dunha das vivendas en Valdecorvos
A conselleira María Martínez Allegue observa o interior dunha das vivendas en ValdecorvosPontevedraViva

Así mesmo, a Xunta avanzará na tramitación para desenvolver solos residenciais en Pontevedra e Marín, co obxectivo de que estean aprobados a finais de 2026 e poder adquirir o solo para licitar as obras de urbanización en 2027.

Estas actuacións permitirán a construción a curto prazo de 2.400 novas vivendas na área urbana de Pontevedra, das cales o 80% serán protexidas. A conselleira aproveitou para agradecer a colaboración dos concellos na busca de novos espazos para construír vivenda.

INFRAESTRUTURAS

No ámbito das infraestruturas, Allegue anunciou que os novos orzamentos contemplan un investimento de 60 millóns de euros para a provincia de Pontevedra.

Entre as actuacións destacadas, inclúense a solución aos problemas de tráfico na zona da Lanzada (entre Sanxenxo e O Grove), o impulso á variante de Alba –que contará con partida orzamentaria para tramitar o proxecto de trazado, a avaliación ambiental e licitar o proxecto construtivo– e a finalización da senda Mollavao-Os Praceres en 2026, parte do Plan de Sendas de Galicia.

Tamén se destinarán 15 millóns de euros á conservación e mantemento das estradas de titularidade autonómica.

A conselleira concluíu afirmando que os Orzamentos 2026 buscan "incrementar a oferta de vivenda ao máximo, construír e axudar a construír, fomentar o uso de técnicas industrializadas, desburocratizar fundamental, desenvolver solo residencial".

Ademais, asegurou que se manterán as axudas para a adquisición e alugamento de vivenda, para promotores, para recuperar vivendas baleiras co programa Fogar Vivo e para rehabilitación.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora