Nove candidatos para redactar o proxecto de mellora da estación de bombeo de Mogor

Marín
20 de xullo 2021

As empresas deberán realizar análises da viabilidade, alternativas, anteproxecto e proxecto construtivo da obra de mellora das instalación existentes. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses. O obxectivo é adaptar a capacidade de impulsión a estación de bombeo ‘Mogor 2’ á poboación 

Esquema da actuación proposta
Esquema da actuación proposta / Xunta de Galicia

Nove empresas están interesadas en encargarse da redacción do proxecto construtivo de mellora da estación de bombeo de augas residuais (EBAR) de Mogor que impulsa a Xunta de Galicia en Marín. 

As nove presentaron as súas ofertas a Augas de Galicia, que agora deberá determinar cal é a responsable de executar a actuación, licitada por un investimento de máis de 120.000 euros.

As empresas deberán realizar análises da viabilidade, alternativas, anteproxecto e proxecto construtivo da obra de mellora das instalación existentes. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses.

O obxectivo é adaptar a capacidade de impulsión a estación de bombeo 'Mogor 2' á poboación servida e reter o exceso de auga en tempo de choiva, acondicionando a infraestrutura actual e intentando conseguir un volume de retención duns 500 metros cúbicos.

Trátase de resolver a problemática do servizo na área rural oeste do concello de Marín, que engloba un gran número de bombeos en zonas rurais e urbanas dispersas que operan en cadea.  Moitos deles non dispoñen de sistema de desbaste, o que provoca atascos e os consecuentes alivios ao medio.

As redes, en xeral, son separativas aínda que ao seren moi extensas, hai zonas nas que se produce a entrada de augas pluviais, o que provoca certos alivios en tempo de choiva. 

O bombeo de 'Mogor 2' é un dos principais da zona occidental do concello de Marín e recibe as augas procedentes dos bombeos 'Goleta' e 'Mogor 1', ademais de colectores que descargan por gravidade.

A superficie total que finalmente descarga no bombeo 'Mogor 2' é moi extensa e en tempo de choiva recibe caudais moi elevados que provocan alivios ao medio receptor. Outro dos problemas que presenta o bombeo é que a súa capacidade é superior á que pode absorber o colector interceptor actual.

Esta actuación cofinanciarase polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e forma parte das distintas actuacións propostas no plan de saneamento local da ría de Pontevedra, que permitirá mellorar substancialmente a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Pontevedra, de Marín, de Poio e de Vilaboa.

O plan de saneamento local da ría de Pontevedra contén un programa de actuacións cun investimento de 47 millóns de euros que a Xunta financia con fondos propios e fondos Feder, con obras xa en marcha por 32 millóns e outras novas proxectadas por máis de 15 millóns.