Nove casos Covid-19 permanecen activos na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés

Pontevedra
28 de xuño 2020

Tras recoñecer como activo un novo mariñeiro de Marín esta semana, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés permanece con estes casos controlados nos seus domicilios e sen hospitalizados nin en planta nin en coidados críticos

Cartel que obriga ao uso de máscara protectora
Cartel que obriga ao uso de máscara protectora / Daniel Lobo

Este domingo 28 a área sanitara de Pontevedra e O Salnés continúa sen pacientes Covid hospitalizados en planta. Esta situación rexístrase tanto no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra como no Hospital do Salnés e no Centro  QuirónSalud de Pontevedra.

Tampouco a área conta con pacientes ingresados enfermos de coronavirus en área de coidados críticos. Pola contra, permanecen activos nove casos en toda a área sanitaria afectados pola Covid-19, que evolucionan nos seus domicilios, segundo a información facilitada polo  Servizo  Galego de  Saúde (SERGAS). Esta cifra incrementábase nunha persoa este sábado ao sumarse un dos mariñeiros chegados ás instalacións portuarias de Marín esta semana.

Desde o comezo do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 893 pacientes, a mesma cifra deste sábado na área sanitaria, e faleceron por causa do virus que provocou a pandemia 16 pacientes nos centros hospitalarios de Pontevedra.