Noventa mil euros para converter o Forno da Cal nun novo activo turístico para Vilaboa

Vilaboa
21 de setembro 2022

Será a empresa Naturgalia a que rehabilitará toda a estrutura e executará a maiores o acondicionamento do entorno exterior para recuperar todo o seu ámbito arquitectónico

O Forno da Cal, en San Adrián de Cobres
O Forno da Cal, en San Adrián de Cobres

Ata 90.000 euros vai a investir o Concello de Vilaboa nunha actuación que permitirá converter o Forno da Cal nun novo activo turístico do municipio e conectalo co peirao de Cobres.

Será a empresa Naturgalia a que rehabilitará toda a estrutura e executará a maiores o acondicionamento do entorno exterior para recuperar todo o seu ámbito arquitectónico.

O Forno da Cal está situado nun terreo propiedade da empresa Pescapuerta, que colabora co Concello para desenvolver esta iniciativa cedendo o uso e os terreos para facer o proxecto.

Ademais, o goberno municipal asinou tamén un acordo coa comunidade de montes de San Adrián para a cesión dos terreos lindeiros, que permitirán o acondicionamento da zona que vai desde a Ponte de Rande ata a Punta de Atravesada. 

En San Adrián e Santa Cristina de Cobres, parroquias onde residían boa parte dos traballadores e traballadoras deste forno que se mantivo activo ata a década dos anos 60, quedan aínda moitas testemuñas vivas dun oficio moi duro.

Esta singularidade foi obxecto dun traballo desenvolvido por profesorado e alumnado do colexio do Toural e da Asociación de Mulleres de Vilaboa. 

Xunto coa recuperación do forno, o proxecto do Concello inclúe a instalación duns paneis informativos que divulguen a actividade industrial dun forno con certas particularidades.

Entre elas, destaca o feito de que a mercancía para facer a cal chegaba por mar. Facían unha produción intensa destinada sobre todo á construción, xa que o encalado das vivendas era o xeito máis común de sanealas e protexelas da entrada de insectos durante o século XX.