Noventa peregrinos chegan a Moraña no seu percorrido pola Vía Mariana de camiño a Compostela

Umia
31 de xaneiro 2022

O Concello organiza dúas novas saídas para rematar o Camiño de Santiago, da man do Club de Atletismo de Moraña, que agora fará as etapas previamente para ver a súa dificultade. O obxectivo é facer unha en marzo e outra en abril

Noventa peregrinos chegan a Moraña no seu percorrido pola Vía Mariana
Noventa peregrinos chegan a Moraña no seu percorrido pola Vía Mariana / Concello de Moraña

O Camiño de Santiago e Moraña teñen un forte lazo común grazas á Vía Mariana, pola que este domingo chegaron a este municipio 90 peregrinos.

O alcalde, Jose Cela, e a concelleira Norma Caldas, acompañaron ao grupo de camiñantes polos puntos de interese turístico da vila. 

Este itinerario, de 382 quilómetros entre Braga e Muxía, transcurre polas antigas rutas entre os Santuarios Marianos. No caso de Moraña, teñen como puntos de referencia da visita a Igrexa de San Martiño de Gargantáns, a Igrexa de Santa Xusta e a Igrexa de San Mamede de Amil.

Por outra banda, o Concello xa está en plena organización, man a man co Clube de Atletismo de Moraña, das dúas seguintes saídas para completar o Camiño de Santiago, despois de que no mes de novembro se organizase a primeira das saídas, de Barro a Valga.

Segundo informa o Goberno local, o obxectivo é poder facer a seguinte etapa no mes de marzo e a última, en abril. Haberá autobuses habilitados para chegar ata Valga e despois para volver a Moraña.

Igual ca na anterior, haberá que inscribirse previamente, mais o Goberno local aínda non adianta a data exacta das saídas "porque queremos esperar a poder confirmalas aproximadamente 15 días antes, co obxectivo de garantir unha boa previsión meterolóxica".