Tras a posta en marcha o pasado ano do novo contrato de xestión, o Local de Música de Pontevedra experimentou unha completa renovación técnica e organizativa, con instalacións melloradas, novos equipos e a incorporación de persoal que permite ofrecer un servizo máis eficaz e adaptado ás necesidades actuais.
Nos últimos meses, segundo explicou o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, encargáronse de reparar deficiencias e ampliar as instalacións, coa apertura dunha pequena sala de concertos no hall. Tamén reforzaron o persoal, que agora conta con tres persoas encargadas da xestión.
Con todo, a primeira gran novidade desta etapa son os cambios realizados na páxina web cos que buscan mellorar o servizo dixital.
O responsable do Local de Música, Diego Parajó, aclarou que a plataforma ten dúas vertentes.
Na primeira delas, e a máis visible, aparecen as novidades, a axenda e a información técnica que dá acceso a un espazo persoal para que calquera persoa pode incorporarse. Hai unha aula virtual, foros e unha especie de mercadillo para intercambiar material.
A segunda das novidades e que polo momento, segundo indicou Parajó, "funciona moi ben", é a área de autoxestión de reservas en liña. Neste caso, a web permitirá aos grupos reservar as salas dispoñibles e acceder a elas de maneira autónoma e áxil en función das súas propias necesidades e horarios.
Na páxina, ademais, hai información sobre o produto dixital, que "ten moita demanda porque ese tipo de formación é bastante cara no mercado", sinalou.
Tamén van continuar coa creación dunha comunidade de xente que fai música electrónica en directo con sintetizadores e vai continuar cun curso sobre deseño sonoro.
A maiores dos cambios realizados a nivel online, desde o Local revisaron e reforzado a programación formativa.
Este trimestre sumarán novas propostas, como cursos de deseño sonoro, cápsulas sobre mercadotecnia e aspectos legais para a autogestión de grupos, formación en iluminación e visuais, e a ampliación da oferta da aula virtual.
Darase continuidade a proxectos innovadores como o laboratorio de exploración sonora, que este verán gravou e mesturou paisaxes sonoras de Pontevedra integrados con sintetizadores, así como á comunidade de música electrónica en directo, onde cada vez participan máis artistas interesados en sintetizadores e produción experimental.
Por último, crearon unha actividade de mediación cultural, no que as persoas usuarias deseñan produtos e eventos desde a súa perspectiva. "Queremos canalizalo para que haxa un espazo para poder producir eventos", aclarou.
Actualmente o espazo conta cunhas 30 bandas en activo, cunha media de tres a catro integrantes por grupo, e destaca o aumento progresivo da participación feminina.
SON DA SEREA
O Local de Música de Pontevedra celebrará a reapertura de portas tras as vacacións de verán cunha gran festa de benvida.
Este sábado 20 de setembro, Son da Serea marcará o inicio do novo curso cun cartel que unirá xeracións.
O evento contará con Brutal, unha banda de metal moi veterana na escena pontevedresa xunto con futuras promesas que están a crecer no Local de Música como Junne, Malo Será, Ape Habit, Rager ou Sudden Ray Of Hope.