Un novo alumeado artístico "dignificará" Santa Clara á espera da rehabilitación integral

Pontevedra
26 de decembro 2025
Actualizado: 15:18

O concelleiro Xaquín Moreda destaca que esta intervención con oito proxectores de tecnoloxía LED tamén completa o alumeado dunha rúa que rexistra un elevado tránsito de persoas cada día

Xaquín Moreda supervisa o alumeado de Santa Clara
Xaquín Moreda supervisa o alumeado de Santa Clara / Concello de Pontevedra

O convento de Santa Clara realzará a súa beleza grazas ao novo alumeado artístico que acaba de instalarse na súa fachada

Así o deu a coñecer este xoves o Concello de Pontevedra, que anunciou a finalización dos traballos de colocación da iluminación. 

O concelleiro de servizos básicos urbanos, Xaquín Moreda, destaca que esta intervención "dignifica unha das xoias do patrimonio local".

Así, destaca que esta actuación responde a unha necesidade dobre: completar o alumeado dunha rúa que rexistra un elevado tránsito de persoas cada día en Pontevedra e resaltar a beleza da fachada de Santa Clara de xeito inmediato.

O edil explicou que o monumento será obxecto dunha rehabilitación integral no futuro que incluirá a súa propia iluminación artística, pero a tardanza deses prazos facía imprescindible esta actuación previa para non demorar máis a mellora estética do entorno.

A intervención técnica consiste na instalación de oito proxectores de tecnoloxía LED cunha potencia de 24 vatios.

Estas oito pezas foron seleccionadas cunha temperatura de cor de 3.000 graos Kelvin, o que permite ofrecer unha iluminación cálida que respecta e resalta a estética orixinal do edificio.

Moreda supervisou os traballos, que forman parte dun plan estratéxico de recuperación do alumeado artístico que xa deixou a súa pegada noutros puntos clave da cidade como a Praza da Peregrina, o Campiño de Santa María ou a Praza de Méndez Núñez.

Así mesmo, mencionou os bancos iluminados que agora forman parte da paisaxe da avenida de Compostela como exemplo deste esforzo por integrar luz e deseño urbano.