A ponte medieval de Ponte Sampaio, que une os concellos de Pontevedra e Soutomaior a través da estrada autonómica PO-264, loce un novo e espectacular alumeado.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, presidiu a estrea deste sistema lumínico, que busca realzar a beleza histórica da infraestrutura e reforzar a seguridade viaria na súa contorna.
Allegue, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, destacou que este novo sistema, composto por máis de medio cento de luces LED, esténdese polo peitoril e o exterior da ponte.
Con esta fórmula renóvase o aspecto e mellórase a seguridade tanto para peóns como para condutores.
Instaláronse 20 luminarias LED nos tallamares, encaixadas no peitoril de pedra, e 36 proxectores LED para a iluminación ornamental.

Esta modernización lumínica enmárcase nunha obra de posta en valor da ponte que está a acometer a Xunta de Galicia, mobilizando un investimento que rolda os 500.000 euros.
Ao acto tamén asistían Miguel Anxo Fernández Lores e Manu Lourenzo, alcaldes de Pontevedra e Soutomaior, ademais do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.
A intervención integral, cuxo remate se prevé para a vindeira primavera, inclúe labores de conservación, a limpeza dos paramentos exteriores da ponte, a renovación de pavimentos, a substitución dunha varanda e a creación de novas zonas axardinadas.
A conselleira fixo fincapé na importancia estratéxica desta actuación sobre un lugar de paso crucial para a veciñanza, pero tamén para os milleiros de peregrinos que cada ano cruzan a Ponte Sampaio no seu camiño cara a Santiago, seguindo a ruta portuguesa.
Allegue subliñou que "tanto o alumeado, en concreto, como a intervención en xeral foron deseñados coa máxima exixencia e coidado e co selo de 'Galicia Calidade'".
Os traballos avanzan a bo ritmo, e actualmente restan por executar o adoquinado, a colocación de lousas nun dos lados da ponte e o aglomerado dun tramo da travesía na zona de Pontevedra.