Un novo colector duplicará a capacidade de evacuación da Rúa do Santo

Pontevedra
19 de febreiro 2026
Actualizado: 15:54

A pesar da complexidade que implica a coordinación con ADIF, o Concello confía nunha resposta "pronta e satisfactoria" por parte de todas as administracións

Zona inundada na Rúa do Santo en Lourizán
Zona inundada na Rúa do Santo en Lourizán / PontevedraViva

A alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, anunciou este xoves que o goberno local xa conta co anteproxecto de obra listo para tramitar, tras chegar a un acordo con Augas de Galicia sobre a solución técnica máis axeitada para poñer fin aos problemas de asolagamentos que afectan á Rúa do Santo.

Segundo explicou Vilaverde, a proposta inicial do Concello foi revisada e validada polo organismo autonómico, e a intervención definitiva inclúe a renovación integral da canalización baixo a vía do tren, un dos puntos máis problemáticos pola diferenza de cota das tubaxes.

Ademais, e seguindo as recomendacións de Augas de Galicia, ampliarase un tramo adicional cara arriba, na propia rúa, para recoller de forma máis eficaz as augas pluviais dos dous colectores existentes.

O anteproxecto contempla a instalación dunha nova canalización de maiores dimensións, substituíndo o actual colector de 800 mm por outro de 1.200 mm de diámetro.

Vilaverde precisou que "este incremento non é lineal, senón cuadrático, polo que a capacidade de evacuación de augas aumentará máis do dobre" (2,25 veces máis).

A obra tamén corrixirá os problemas de nivel que provocaban estancamentos e retornos de auga, garantindo agora un fluxo continuo cara á zona de desaugadoiro.

O orzamento estimado para a execución desta actuación ascende a 270.473 euros.

Unha vez finalizada a fase técnica, o Concello solicitará de inmediato todas as autorizacións necesarias aos organismos e administracións afectadas pola obra: Augas de Galicia; Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), pola afección a unha estrada autonómica; Servizo de Litoral da Xunta de Galicia, por cuestións de servidume; e ADIF, dado que gran parte da canalización e dos novos arquetóns se sitúan en terreos ferroviarios ou cruzan a vía.

Vilaverde destacou que, a pesar da complexidade que implica a coordinación con ADIF, afectada por procesos xudiciais na zona, o Concello confía nunha resposta "pronta e satisfactoria" por parte de todas as administracións.

"É unha obra necesaria e moi demandada pola veciñanza", subliñou, lembrando que a execución poderá comezar tan pronto como se obteñan todos os permisos.

Engade Pontevedra viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora