Novo curso da Facultade Ágora na procura de mellorar o deseño urbano máis aló de Pontevedra

Pontevedra
16 de xuño 2022

 A ‘Facultade Ágora’ da Deputación de Pontevedra encara unha nova etapa de formación sobre o espazo público cun obradoiro inaugural na Estrada da man da Rede de Cidades que Camiñan e o xeógrafo Marius Navazo. Asistiron representantes políticos e técnicos de moi diferentes puntos de Pontevedra 

Primeiro obradoiro da facultade Ágora 2022
Primeiro obradoiro da facultade Ágora 2022 / Deputación de Pontevedra

 A ‘Facultade Ágora’ da Deputación de Pontevedra encara unha nova etapa de formación sobre o espazo público cun obradoiro inaugural na Estrada da man da Rede de Cidades que Camiñan e o xeógrafo Marius Navazo. 

Asistiron representantes políticos e técnicos de moi diferentes puntos de Pontevedra que abordaron de maneira práctica como mellorar o deseño urbano.

Despois do curso pasado, teórico e multidisciplinar, nesta ocasión buscan baixar á práctica e resolver problemas cotiáns. Respecto disto, o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos, Uxío Benítez, lembrou que "a teoría haina que aplicar. Todo o mundo está de acordo coa filosofía de recuperar o espazo público para as persoas, pero na práctica e á hora de tomar decisións concretas, tremen as pernas ante restrinxir os coches".

O deputado salientou que a Deputación quere poñer sobre a mesa que hai máis concellos ademais de Pontevedra, recoñecida internacionalmente polo seu "potente modelo", que están a traballar nunha boa dirección transformando os seus núcleos.

Os 'Obradoiros Ágora' celebraranse en diferentes localidades. No caso de A Estrada, analizáronse as últimas actuacións de humanización e debatéronse cales deberían ser as mellores fórmulas para que o espazo público sexa da máxima calidade.

A xornada desenvolveuse cunha metodoloxía innovadora. O grupo participante realizou unha ‘deriva de observación’ polo centro da vila sen coñecela previamente. Despois, o alcalde, José López Campos, e o técnico local, Daniel Orrea, explicaron as obras realizadas. A mañá rematou analizando os elementos construtivos e debatendo sobre as imaxes tomadas a primeira hora. Xa pola tarde o programa incluía unha visita comentada ás obras do lugar.

Asistiron ao obradoiro de A Estrada representantes políticos e técnicos de concellos de Tomiño, A Cañiza, Tui, Pontecesures, Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa e Vilaboa, entre outros, así como persoal provincial responsable da redacción de proxectos de reforma urbana, e integrantes de consultoras que traballan para as administracións públicas, sendo a asistencia restrinxida pola súa tipoloxía práctica.

Os seguintes ‘Obradoiros Ágora’ celebraranse en Tomiño, Ponteareas e Vilagarcía de Arousa.